Municipalismo e emprego. Hai alternativas dende os pequenos e medianos concellos?; por Modesto Renda

Ademais do deterioro no nivel de vida debido, entre outros factores, á regresión dun sector primario outrora determinante para a nosa economía local, o conxunto das pequenas e medianas vilas agoniza entre a vergoña do despoboamento e a parálise dunha rede caciquil pouco interesada en revertelo.
/ Enviado por redactor o Lun, 08/05/2017 - 23:34

Porén, e, se ben, as posibilidades de contribuír á creación de emprego dende os concellos - especialmente dende os pequenos e medianos - son limitadas, non é menos certo que a xestión municipal non é neutra no que ten que ver, xa non, co seu fomento, que tamén, senón coa mesma capacidade de influencia na consecución de novos nichos e/ou postos de traballo para a veciñanza.   

As consecuencias do modelo produtivo aplicado por parte dos gobernos do PP e o PSdeG ao longo de décadas facendo e desfacendo ao seu antollo no conxunto dos nosos municipios e provincias, esixen como tarefa máis urxente a de liberar a xestión local do facer neoliberal e pór, consecuentemente, o interese xeral das veciñas/os por diante dos intereses duns poucos a facer negocio e colocarse. 

Os dereitos dos máis, pois, diante dos intereses particulares desa sorte de “elite” clientelar, que ao tempo a que sorrí descarada diante de calquera iniciativa municipal que se encamiñe cara a explotación sostible da nosa terra, isto e; á contraposición do  modelo dos mercados de produtores fronte ao actual modelo de intermediarios e o desenvolvemento  da agricultura ecolóxica como saída para o sector, investindo en formación, recuperación de variedades,  canles  curtas  de  comercialización, etc…; non foi quen de esgrimir un chío diante da "liberalización" que levou e continúa a levar á ruína a centos de explotacións na nosa comarca.

Unha traxedia, esta, á que lle segue a do noso sector servizos, vítima da propia devastación do primario e do nulo fomento do pequeno comercio local, en tanto que mellor xeito de manter a cohesión social fronte ás grandes superficies comerciais. Un verdadeiro drama ao que convén sumar a inexistente promoción do turismo sostible, a fin de planificar unha estratexia que aglutine os nosos recursos locais, ecolóxicos, culturais, monumentais, artísticos ou gastronómicos, entre outros, ademais da desbotada posibilidade de pór en marcha iniciativas culturais que, canto menos, sexan quen de impulsar o desenvolvemento e o coñecemento do noso patrimonio cultural, arquitectónico e ambiental como elemento xerador de riqueza e emprego.

Mais se falamos de inexistencias e “nulidades”, cómpre por acaído, lembrármonos dese grande mito, que é o da aplicación dunha política industrial municipal merecente dese nome por parte duns gobernos locais que practican o seguidismo dunha política económica procíclica e austericida. Unha realidade, que nos revela coma condición sine qua non a de frear a deslocalización e evitar a especulación do chan industrial impedindo que se transforme en vivenda.

O apoio decidido ás traballadoras/os autónomos, así coma a recuperación daqueles sectores económicos en risco de desaparición ou que se extinguiron como actividade produtiva, constitúen unha aposta económica viable diante desa perversa entelequia, de nome modernidade, que nomeadamente aos que vivimos no rural deste país, nos está a privar dun futuro no que é a nosa casa. 

Modernidade, que no lugar de apostar polo público favorece a externalización e privatización dos nosos servizos municipais, desbotando calquera posibilidade dunha contratación directa con criterios de  transparencia e igualdade.

A este respeito, a realización de ofertas de emprego público reguladas e con criterios de inclusión social; a aposta polo emprego público destinado a labores de restauración, conservación, mantemento e mellora de espazos rurais e naturais, en colaboración con outras administracións; o rescate para a veciñanza da xestión privatizada nos casos e os tempos nos que sexa posible, así coma a propia análise e revisión dos convenios polos que se rexen, nos que non; representarían un plan de choque municipal de matriz netamente pública como apoio tamén ás traballadoras/os desempregados, garantindo que menos veciñas/os continúen a ficar fóra do acceso ao mundo laboral e achegando as medidas necesarias para asegurar que todas/os teñan as mesmas oportunidades no tocante ao acceso e ás condicións de trato.

Nesta  liña,  a  transversalización incluíndo a  perspectiva de  xénero en  todas as determinacións que se adopten, acadaría unha importancia capital nun contexto de crise económica cuxas consecuencias negativas acostuman a recaer especialmente nas mulleres.