O alcalde de Muras impulsa o proxecto da ponte Bermuz

Manuel Requeijo recorda que "o presidente da Deputación se comprometeu a financiar a obra"; polo que propón unha xuntanza entre as tres administracións implicadas -os Concellos de Muras e Vilalba e a Deputación Provincia- para "rematar coa desesperación dos veciños”.

/ Enviado por redactor o Mar, 11/07/2017 - 14:17

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, solicitou este martes por escrito ao Presidente da Deputación de Lugo que inicie os trámites para o remate da construción da Ponte Bermuz que une a parroquia de A Balsa co concello de Vilalba e que leva esperando o seu fin dende principio dos anos 90.

Requeijo propúxolle ao presidente provincial que convoque o máis axiña posible unha xuntanza a tres bandas, entre as tres administracións implicadas, para coordinarse neste proxecto, dado que "Darío Campos na súa recente visita ao Concello, comprometeuse a financiar a obra".

O remate da construción da ponte constitúe a principal reivindicación dos veciños e veciñas da parroquia, posto que para acceder as parcelas que posúen en Vilalba, na outra beira do río, teñen que cruzar pola antiga ponte de pedra que se atopa en moi mal estado de conservación "e supón un verdadeiro perigo para quen se atreve a tal aventura".

O alcalde murense manifestou que “espero que o presidente da Deputación cumpra coa súa palabra e poña en marcha o proceso para que poidamos executar a obra o máis axiña posible. Pola nosa parte, temos total disposición, e por iso solicitamos que se faga unha xuntanza entre os dous Concellos e a Deputación”.

Tamén engadiu Requeijo que “os veciños levan esperando 25 anos a que finalice a obra porque a base de formigón xa está feita dende os 90 e penso que é hora de rematar con esta desesperación”.