O Cabuxo, Anllo e Alvariño preparan as tapas para o concurso deste verán en Muimenta

O certame desenvolverase do 11 ao 13 de agosto en horario de oito do serán a doce da noite cun prezo da tapa de 2 euros. Entre os participantes que completen a ruta e que, polo tanto, poderán votar a mellor das tapas; sortearase un vale de 75 euros a consumir nos diferentes establecementos socios do colectivo empresarial.

/ Enviado por redactor o Mar, 01/08/2017 - 18:57

A Xunta Directiva da Asociación de Empresarios de Muimenta, a cal engloba a gandeiros, profesionais e autónomos da parroquia, confirma que este verán haberá Concurso de Tapas en Muimenta entre os vindeiros 11 e 13 de agosto. O horario será entre as oito do serán e as doce da noite.

Os locais participantes serán O Cabuxo, Anllo e Alvariño. Polo tanto, esta edición será algo diferente: só habera unha tapa gañadora, a que obteña máis votos. As persoas que acudan a consumir as tapas de Muimenta terán á súa disposición unha tarxeta/ruta onde so poderá votar por un dos tres locais participantes, aínda que deberá ter o selo dos tres bares. 

Cada ruta cuberta ten dereito a entrar nun sorteo dun vale de 75 euros a consumir nos diferentes socios do colectivo empresarial de Muimenta nos 30 días seguintes á súa entrega.

O principal motivo destas mudas, é que, nos últimos meses estase a producir cambios nas direccións e ubicación de varios locais de hostelería da parroquia, ademais dalgún peche, e adaptaranse ás normas á nova realidade.

Tanto a Asociación de Empresarios coma os locais de hostelería participantes manteñen o seu compromiso co pobo e coas tapas e lembran que Muimenta foi xunto, a Vilalba, o primeiro pobo da comarca que empezou a organizar este tipo de concursos.