O CEIP Antía Cal impulsa unha carreira solidaria con Níxer polo Día Mundial da Auga

Dentro da campaña #GotasParaNiger, o 24 de marzo celebraranse dúas carreiras en Muras, unha para os máis pequenos e outra para adultos, coas que recadar fondos para achegar auga potable ás escolas deste país africano.

/ Enviado por redactor o Ven, 17/03/2017 - 01:23

O CEIP Antía Cal Vázquez, dentro do programa enrédate.org, organiza por terceira vez a carreira solidaria Día Mundial da Auga o vindeiro 24 de marzo como parte da campaña #GotasParaNiger.

Con esta iniciativa os colexios axudan a recadar cartos que van directos a mellorar instalacións de auga potable e condicións hixiénicas das escolas rurais deste enorme país do Sahel africano. De feito, o recadado grazas ás achegas voluntarias ingresarase nunha conta do Banco Santander a beneficio de Unicef/Níxer. 

Todas as persoas que se animen a participar poden anotarse no colexio ou nas oficinas do Concello de Muras. Haberá dous percorridos, aínda por fixar: un para os máis pequenos con saída ás doce e media dende o colexio. Ao remate, comezará a dos maiores.