O CERCUD de Baamonde impulsa o segundo torneo 3x3 de fútbol burbulla

O campo de fútbol 7 acollerá a esta divertida competición que se desenvolverá o sábado 12 de agosto en horario de mañá e tarde.

/ Enviado por redactor o Xov, 27/07/2017 - 01:01

O CERCUD de Baamonde pon en marcha a segunda edición do torneo 3x3 de “Fútbol Burbulla” que se desenvolverá o sábado 12 de agosto. Pola mañá disputaranse os partidos da fase de grupos e, pola tarde, as eliminatorias e finais.

Esta modalidade consiste en xogar a fútbol metido no interior dunha burbulla xigante que fai rebotar contra os adversarios e propiciar volteretas sen perigo. 

Cada partido ten unha duración de oito minutos con dous tempos de catro minutos e un de descanso. Ao tratarse dunha modalidade 3x3, os equipos deberán contar con tres integrantes -masculino, feminino ou mixto- cun mínimo de 16 anos de idade.

O prezo da inscrición é de 30 euros -10 euros por participante-, ou 25 euros para os participantes na primeira edición, que poderán inscribirse a través do portal web FutbolBurbulla.com ata o 9 de agosto; xa que o 10 se desenvolverá o sorteo de emparellamentos.

Os tres primeiros clasificados levarán trofeos e vales agasallo dunha tenda deportiva, mentres que aos demais participantes se entregarán medallas.

Ao mediodía a organización e os establecementos colaboradores invitan a unha comida de confraternización entre equipos nas mesas das instalacións da praia fluvial.