O Concello de Muras achega actividades de "ocio creativo e activo" ás parroquias

As clases de manualidades desenvólvense os luns na Casa do Rouco.

A partir do martes 18 de abril as antigas escolas da Balsa e o Viveiró acollerán obradoiros de memoria e do uso do teléfono móbil, que se engaden a outras propostas culturais e deportivas que oferta o Concello ás que este mes se engadía tamén o curso de pandereta e baile tradicional no local social de Muras.

/ Enviado por redactor o Ven, 14/04/2017 - 19:51

A modalidade de pandereta e baile tradicional únese á oferta de actividades culturais e deportivas do Concello de Muras que, a partir deste mes, chegarán tamén ás parroquias da Balsa e O Viveiró.

A partir deste mes de abril celebraranse estas clases, con inscrición de balde, cada venres no local social entre as seis e as oito da tarde, antes do inicio das clases de ioga.

Neste mesmo espazo xa se viñan desenvolvendo actividades de Pilates, baile moderno e adestramento funcional os martes, mércores e xoves. Os luns a Casa do Rouco acolle obradoiros de manualidades en horario de oito do serán a dez da noite.

Os mércores tamén se celebran de seis a sete da tarde talleres de memoria na biblioteca onde a partir deste mes se desenvolverán -en horario de sete a oito- obradoiros de novas tecnoloxías orientados ao uso dos teléfonos móbiles.

A Balsa e o Viveiró

O Concello tamén leva estas dúas últimas especialidades ás parroquias. Deste xeito, as antigas escolas da Balsa e o Viveiró acollerán a partir do martes 18 de abril talleres de memoria dende as seis ata as sete menos cuarto e de uso dos teléfonos móbiles de sete menos cuarto a sete e media da tarde. As actividades desenvolveranse os martes na Balsa e os xoves no Viveiró.

"Ocio creativo e activo"

“A idea é a de achegar algúns talleres ás parroquias que se atopan máis lonxe do núcleo de Muras para facer máis accesible o tempo de ocio para todos e todas”, como indica a educadora do Concello, Delia Cabarcos.

Estas propostas teñen como obxetivo “crear un ocio creativo e activo, animando a que os e as veciñas saian da casa, se relacionen, traballen a súa psicomotricidade e tamén as súas habilidades. Queremos, pois, que as actividades se consoliden no tempo e niso estamos traballando”.