O Concello de Muras aproba os orzamentos municipais por unanimidade para este 2017

O orzamento, ademais das partidas dirixidas ao gasto corrente e de persoal, destinará outras para a bonificación do recibo da luz, o arranxo da Ponte Bermuz, na compra de mobiliario para o PAI, o acondicionamento dun salón de actos na antiga casa do médico, etc.

/ Enviado por redactor o Sáb, 25/02/2017 - 16:08

A corporación de Muras deu o visto bo ao orzamento municipal de 2017 que ascende a 1.733.050 euros.  

O capítulo de persoal suma 431.358 euros e o de gastos correntes, 900.000 euros. Hai unha partida de 130.000 euros para a bonificación do recibo da luz aos veciños, investiranse 177. 392 euros no arranxo da Ponte Bermuz, na compra de mobiliario para o PAI, no acondicionamento dun salón de actos na antiga casa do médico e na construción dunha senda peonil dende a área recreativa da Veiga ata as vivendas sociais, entre outras actuacións.

As partidas incrementadas no 2017 son as que cubren os servizos básicos como son Xantar no Fogar e Axuda no Fogar.

As contas están á disposición da veciñanza nas oficinas administrativas do Concello.

Fondo de Compensación Ambiental

Con cargo ao Fondo de Compensación Medioambiental 2017, fóra dos orzamentos, destinaranse cartos para varios proxectos como son a instalación de luz pública nos núcleos rurais, mellorar 65 quilómetros de foxos de estradas, crear un Punto Limpo, contratar 10 peóns e un técnic@ medioambiental, a compra dunha desbrozadora de chan para o desbroce de estradas; tamén se reformarán as traídas de augas municipais e tamén se levará a cabo a creación dunha Aula da Natureza.