O Concello de Vilalba abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán 2017
Os interesados e interesadas poderanse inscribir ata o 23 de xuño por un prezo de 90 euros.
O Concello de Vilalba abre o prazo de inscrición para a participación dos rapaces e rapazas nados entre o 2005 e o 2012 nos campamentos de verán 2017.
Os campamentos dispoñen dun máximo de 80 participantes divididos en dúas quendas: a primeira, do 10 ao 28 de xullo; e, a segunda, do 31 de xullo ao 18 de agosto.
As inscricións pódense formalizar de xeito presencial ata o 23 de xuño na oficina de deportes situada no segundo andar da casa consistorial en horario de luns a venres de nove da mañá a dúas da tarde. Xunto ao formulario de inscrición debido cumprimentado, que se pode descargar dende a web municipal, deberase adxuntar unha foto tamaño carné e a fotocopia da tarxeta sanitaria do rapaz ou rapaza a inscribir. O seu prezo é de 90 euros por participante.