O Concello de Xermade prepara un campamento entre o 31 de xullo e o 18 de agosto

Será Lucusneda a encargada das actividades entre as que se atopan saídas ao parque acuático de Cerceda e á praia e lago das Pontes.

/ Enviado por redactor o Dom, 02/07/2017 - 20:35

O Concello de Xermade organiza un campamento de verán que se celebrará do luns 31 de xullo ata o venres 18 de agosto en horario de dez e media da mañá ás dúas da tarde. Tamén se ofrece a posibilidade de comezar ás oito da mañá se hai un grupo mínimo de 5 nenas e nenos. En total, haberá un número de prazas limitado a 50 rapaces e rapazas de 3 a 16 anos.

Os e as interesadas deben inscribirse, entre o luns 3 e o venres 14 de xullo, no Rexistro do Concello onde se atopan á súa disposición as solicitudes e as bases para consultar. Tamén se deben aportar os DNIs do pai, nai ou persoas titoras, DNI do neno ou nena, DNI das persoas autorizadas a recoller as nenas e nenos, tarxeta sanitaria do neno ou nena e documento acreditativo dos pais de estar traballando ou declaración xurada. 

A empresa encargada das actividades do campamento será Lucusneda. Entre as mesmas atópase unha saída cada semana a Cerceda e á praia e ao lago das Pontes, ademais de todas as actividades previstas en Xermade. O penúltimo día todas as nenas e nenos que queiran poderán quedar a durmir, xa que está prevista unha velada con xogos.