O Goberno converte á Deputación na principal patrocinadora do VII Trofeo Concello de Xermade

Rivera Capón, García Pernas, Guerra González e representantes dos clubs durante a presentación do Trofeo.

O evento deportivo terá lugar os días 5, 6 e 15 de agosto e reunirá aos diferentes equipos do municipio: Sociedade Deportiva Cazás, a Sociedade Deportiva Club Roupar, o Club Deportivo Xermade, e a Sociedade Deportiva Club Cabreiros.

/ Enviado por redactor o Lun, 31/07/2017 - 15:00

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, e o Concelleiro de Deportes, Carlos Alberto Guerra González, presentaron este luns o VII Trofeo Concello de Xermade Memorial Manuel González Fernández, que terá lugar os días 5, 6 e 15 de agosto no municipio de Xermade.

O organismo provincial é o principal patrocinador desta cita deportiva, na que participarán os diferentes equipos do Concello, cunha achega de 2.550 euros. Así, o trofeo de fútbol estará composto pola Sociedade Deportiva Cazás, a Sociedade Deportiva Club Roupar, o Club Deportivo Xermade, e a Sociedade Deportiva Club Cabreiros. As primeiras eliminatorias terán lugar a fin de semana do 5 e 6 de agosto, e as finais celebraranse o martes, día 15.

Rivera Capón subliñou que “con esta iniciativa involucramos aos diferentes equipos da zona, conseguindo fomentar a práctica deportiva entre a xuventude de Xermade e impulsando o deporte como un elemento fundamental dentro dun estilo de vida saudable. Así mesmo, o Trofeo, que xa vai pola súa sétima edición, rende homenaxe á figura de Manuel González Fernández, promotor desta competición local, e cuxa labor foi fundamental no desenvolvemento deportivo da localidade”.

Calendario

Sábado, 5 de agosto ás 18:30 horas: CD Xermade – SDC Roupar (Campo de Xermade).

Domingo, 6 de agosto ás 19:30 horas: SD Cazás – SDC Cabreiros (Campo de Cazás).

Martes, 15 de agosto ás 11:00 horas: Terceiro e Cuarto posto (Campo de Cabreiros).

Martes, 15 de agosto ás 18:30 horas: Final (Campo de Roupar).