O Goberno da Deputación acada en Xermade un investimento de 1,2 millóns na mellora de prestacións públicas

Campos Conde, González Formoso e García Pernas con veciños e veciñas da zona.

Os presidentes das Deputación de Lugo e da Coruña, xunto ao alcalde de Xermade, supervisaron as obras de 520.000 euros en 3,5 quilómetros da estrada de Momán ás Pontes. Campos e Formoso cumpren, con estes traballos, a palabra dada aos veciños e veciñas.

/ Enviado por redactor o Xov, 06/07/2017 - 20:20

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, informou este xoves sobre o investimento de 1,2 euros, que levou o Goberno Provincial a este municipio chairego no último ano para mellorar as prestacións públicas. Campos e García supervisaron as actuacións levadas a cabo durante unha xornada á que se incorporou o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín Formoso, pois ambos os dous organismos provinciais están a acondicionar a estrada de Momán ás Pontes. 

En dita vía (LU-P-2204), o Goberno da Deputación de Lugo está a executar os traballos de 400.000 euros de mellora do firme con aglomerado en quente, ensanche da calzada e incremento da sinalización dende o punto quilométrico 2 ao 4. Pola súa banda, o Goberno da Deputación da Coruña realiza con 120.000 euros os mesmos traballos entre os quilómetros 5 ao 6,5, que é o único treito da súa titularidade. 

Campos e Formoso cumpren con estes traballos a palabra dada aos veciños, que demandaban estas actuacións. As obras que se executan, súmanse ás de 240.000 euros finalizadas entre os quilómetros 0 e 2, facendo que o investimento do Goberno da Deputación de Lugo na mellora desta vía sexa, polo de agora, de 640.000 euros. O Presidente reiterou que “remataremos co arranxo integral desta estrada durante este mandato, polo que traeremos máis investimentos dende a Deputación de Lugo”. En total, esta estrada ten 12 quilómetros, dos que se arranxaron 5,5, polo que serán necesarias outras dúas novas fases de actuación na mesma. 

Máis de 735.000 euros en estradas provinciais

O Goberno da Deputación de Lugo acordou destinar outros 95.300 euros no arranxo dun treito de 2 quilómetros, dende o 10.200 ao 12,200, da LU-P-6513, de Vilalba a Camposo de Foxo de Penamaior e rampa a Xermade. Tendo en conta estas actuacións, que arrancarán nas vindeiras semanas, así como os traballos na vía de Momán ás Pontes, o investimento que destinou nos últimos meses o Goberno Provincial á mellora de estradas provinciais en Xermade é duns 735.300 euros. 

Preto de 400.000 euros en dotacións municipais

Foron máis de 210.000 euros os que achegou o Executivo Provincial á mellora de dotacións públicas municipais co execución do orzamento de 2016. Fíxoo para arranxar o acceso e o campo da festa de Xermade que, ademais de ser o lugar de celebración das patronais, funciona como aparcadoiro do centro de saúde; acondicionar as pistas forestais de Agrovello a Pesqueira, na parroquia de Burgás, que posibilitan o traballo de profesionais do sector gandeiro e forestal da zona; mellorar abastecementos e captacións de auga en parroquias nas que viven uns 300 veciños, como, por exemplo, a de Roupar; mellorar accesos como os de Seixo, Alvariño e Pigaroa; dotar de mobiliario ao parque infantil de Momán ou de novo alumeado público ao casco urbano de Xermade. O Goberno da Deputación reforza agora, con preto de 200.000 euros do presuposto de 2017, a mellora de máis prestacións públicas pois, con este investimento, mellorará máis accesos rurais, como os de Lousada, Miraz, Candamil ou Momán; alumeados público ou captacións de auga.

Emprego e servizos sociais

O Executivo Provincial fará o mesmo co emprego e os servizos socias logo de achegar o pasado ano 75.000 euros neste eido, a mesma cantidade que este ano. Este investimento permitiu a contratación de catro lucenses, que traballan no servizo de conservación municipal a través do DepuEmprego; e ofrecer atención profesional a 59 maiores, aos que non atende a Xunta de Galicia, pero si o Goberno da Deputación mediante o Servizo a Domicilio a persoas non dependentes e da Teleasistencia gratuíta. Campos e García mantiveron encontros cos novos traballadores e usuarios de mencionados servizos sociais. 

Dinamización social e económica

O Goberno da Deputación contribuíu á celebración de citas turísticas e de exaltación gastronómica ou artesanal de Xermade como, por exemplo, a Festa dos Cogomelos, que cada ano atrae a centos de visitantes; ou o Encontro Internacional dos Torneiros. As vindeiros colaboracións serán coas Xornadas Interxeracionais Rurais; o galardón Xermade na Historia; o laboratorio de Radio nas Parroquias, a Copa Concello de Xermade, a Carreira Popular, a Pedalada Solidaria, o Proxecto de Envellecemento Activo; ademais de cursos de formación sobre distintas disciplinas artesanais, entre outras citas, que dinamizan social e economicamente o Concello.