O Goberno da Deputación colabora coa II Pedalada Solidaria de Xermade a través do Plan Único

Santos Ramos e García Pernas presentaban a II Pedalada Solidaria acompañados de traballadores da Cruz Vermella.

Trátase dunha iniciativa coa que ademais de promover hábitos de vida saudable, se recadan fondos para Cruz Vermella en Lugo.

/ Enviado por redactor o Mér, 28/06/2017 - 12:12

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, acompañados de traballadores da Cruz Vermella, presentaron este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a II Pedalada Solidaria de Xermade, coa que colabora o Goberno da Deputación a través do Plan Único. Trátase dunha iniciativa lúdica que terá lugar o vindeiro domingo 2 de xullo no Concello de Xermade e coa que se busca concienciar á cidadanía sobre hábitos de vida saudable ao tempo que se recadan fondos para Cruz Vermella. 

Santos Ramos destacou que “colaboramos con esta iniciativa solidaria a través do Plan Único da Deputación, pondo á disposición do Alcalde 8.000 euros para financiar varias actividades deportivas e culturais. Trátase, ademais, dunha actividade lúdica en contacto coa natureza, nun enclave único como é o Concello de Xermade”. O alcalde de Xermade agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación e adiantou que se espera a participación duns 100 ciclistas de todas as idades. 

Esta proba, de carácter non competitivo, é completamente gratuíta para as persoas que desexen participar. Poden inscribirse tanto adultos como nenos e nenas pero os menores deberán ir acompañados dun adulto responsable que deberá xulgar a súa capacidade para realizar a marcha. Arrancará as dez da mañá dende a praza do Concellos de Xermade ata a Charca do Alligal sendo, en total, uns 18 quilómetros. 

Inscricións

As persoas interesadas en participar na II Pedalada Solidaria do Concello de Xermade poden facelo ata o vindeiro 29 de xuño cubrindo o formulario que se atopa na web www.xermade.org ou a través do teléfono 982501001. É fundamental cubrir correctamente os datos do formulario para as coberturas do seguro.