O Goberno da Deputación defende a viabilidade do modelo de xestión directa dos parques de bombeiros

Santos Ramos destacou que “As Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, teñen decidido xa o modelo de xestión que queren; que é o modelo de xestión directa, porque así o avalan os informes técnicos e xurídicos, así como os económicos”.

/ Enviado por redactor o Sáb, 29/07/2017 - 19:16

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, valorou este venres, logo de preguntas dos xornalistas, a información que a Xunta de Galicia trasladou logo do encontro mantido co Vicepresidente do Goberno Galego, Alfonso Rueda, para abordar a situación dos parques de bombeiros das 3 Deputación galegas, que levan máis dun ano traballado para cambiar o modelo de xestión dos parques e convertelo nun servizo público. 

Santos Ramos explicou que “a Deputación de Lugo, e tamén as Deputacións de A Coruña e Pontevedra, teñen decidido xa o modelo de xestión que queren; que é o modelo de xestión directa, porque así o avalan os informes técnicos e xurídicos, así como os económicos”. 

O voceiro explicou que, en concreto, na provincia de Lugo, incluso se podería acadar, unha vez feita a equiparación salarial dos bombeiros de Lugo cos de Ourense, un aforro anual de entorno aos 125.000 euros, aforrando custos como o IVE ou beneficio industrial, entre outros, “co cal, o Goberno Galego non ten escusa”, apuntou.

“O feito que si que é transcendente é que, logo de trasladarlle á Xunta de Galicia a intención e a vontade do Goberno Provincial, xa manifesta nos orzamentos da Deputación, de facer esta equiparación salarial dos bombeiros lucenses se produza de inmediato, é dicir, non ter que esperar a todo o procedemento de cambio de modelo de xestión que nos levaría o ano 2019, a Xunta de Galicia di claramente non”, subliñou.

Santos Ramos explicou que “dende o Goberno Galego apuntan que non van a poñen nin un só euro máis á este servizo, o que amosa que non teñen interese ningún en equiparar os soldos dos nosos bombeiros; como tampouco o teñen en que o modelo de xestión sexa directo pois aseguran que non van a aumentar a aportación anual que fan aos parques de bombeiros provinciais. Agora ben, a Xunta esixe que se se chegase a producir un aumento no custo, este debe ser asumido polas Deputacións, pero se hai aforro, quere que se reduza a aportación que o Goberno Galego achega a esta prestación. Esta é a postura real do Partido Popular”. 

“Dende este Goberno, ao igual que dende as Deputacións da Coruña e de Pontevedra, continuaremos tramitando o modelo de xestión directa porque entendemos que, ademais de contar cos informes técnicos e económicos favorables, os servizos públicos non debe valorarse só dende o punto de vista económico, senón que hai que valoralos en función da súa calidade e dos resultado da propia prestación do servizo”, apuntou. 

O voceiro insistiu en que “queremos que o Partido Popular se aclare, pois en Lugo defenden unha cousa pero en Santiago votan o contrario. É o dobre xogo ao que nos teñen acostumados. O PP de Lugo asumiu compromisos cos bombeiros, sabendo que os seus compañeiros na Xunta non ían cumprilos”.

“Que se deixen de confundir e enganar á xente, facendo ver que defenden esta equiparación salarial na Deputación de Lugo, cando é a administración que si cumpriu cos bombeiros; e que defendan o mesmo ante a Xunta de Galicia, na que goberna o PP, que continúa a bloquear esta xusta equiparación salarial, que si fixeron na provincia de Ourense pero non na de Lugo”.