Skip to main content
ActualidadeSociedadeTERRACHÁXAVilalba

O MUPAV impulsa o proxecto “Patrimonio das Terras de Montenegro”

Por 12 Agosto, 2017Sin comentarios

Nace o proxecto de documentación e difusión do patrimonio cultural e natural da área xeográfica da bisbarra da Terra Chá. “Patrimonio das Terras de Montenegro”, promovido polo Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba xunto coa Asociación de Amigos do Museo, comeza a súa andaina coa posta en marcha dunha web informativa e un grupo en facebook.

O obxectivo primordial do proxecto é a documentación dos elementos que integran o patrimonio cultural e natural desta área xeográfica. Pero, paralelamente, desenvolverá actividades de difusión destes bens e de sensibilización sobre a súa importancia e necesidade de conservación.

Para iso é necesaria a complicidade da comunidade co proxecto, da xenerosidade individual para compartir datos e imaxes, e da vontade social para colaborar nesta iniciativa e participar nas súas actividades. Deste xeito, entre todos, achegarémonos ao coñecemento do noso legado patrimonial e asegurarémonos da súa transmisión ás xeracións vindeiras. De feito, “está aberto á participación de todas aquelas persoas interesadas na conservación e difusión do patrimonio”, segundo puntualiza o director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), Eduardo Ramil.

Pena Grande.

Pena Grande.

Por agora, engade que “a través das achegas de membros do equipo e de persoas ou entidades colaboradoras estamos a formar unha serie de arquivos que recollen as características e a documentación gráfica relativa aos elementos patrimoniais. A partir deles creamos unhas funcionalidades onde a sociedade en xeral pode acceder a estes datos sistematizados no Catálogo de Elementos, no MapaWeb e no Arquivo Gráfico“.

A partires destas informacións crearanse documentos en distintos formatos para a súa divulgación. Tamén se celebrarán eventos participativos para fomentar a sensibilización cara o noso patrimonio, e para achegar á cidadanía o coñecemento xerado polo proxecto.

Eduardo Ramil explica que “na documentación medieval Terras de Montenegro, ou Condado de Montenegro, alude a un espazo xeográfico que comprendía aproximadamente a actual bisbarra da Terra Chá. Nesta primeira fase cinguímonos ao Concello de Vilalba e aos seus elementos patrimoniais inmobles e naturais. En fases posteriores, o proxecto continuará por outros concellos da bisbarra e poderase ampliar coa incorporación do patrimonio moble e do patrimonio inmaterial”.