Oficios tradicionais e iniciativas de posta en valor do rural na II Romaxe Artesá da Chaira

A cita desenvolverase este sábado 27 de maio en Muras coa participación de máis dunha ducia de artesáns, obradoiros para toda a familia, música e charlas de iniciativas empresariais que mesturan os valores tradicionais coa innovación.

/ Enviado por redactor o Ven, 26/05/2017 - 16:57

A Área Recreativa da Veiga, en Muras, converterase este sábado 27 de maio a partir das once da mañá nun espazo para a mostra de oficios artesáns na que participarán boa parte dos membros da Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá e outros artesáns amigos e amigas coma o afiador Pepe Penabade, o artesán do coiro José Ramón Lleón, o ferreiro Friedic Bransteidl, o zoqueiro Alberto Geada ou Lourdes Otero co seu tear, o escultor da madeira Borja Ínsua, o canteiro Xabier Quijada, a artesá plástica Pilar López Cupeiro e Marcos Ladra e Montse Tubío que aportarán o seu traballo sobre a talla da madeira e o tecido tradicional de punto. Tamén participarán os obradoiros Armaior e Fígulus especializados no torneado da madeira e pezas de oliveira e na olería de Gundivós, respectivamente.

A maiores da mostra de oficios, que se desenvolverá debaixo dunha carpa, tamén haberá obradoiros abertos á participación de rapaces, rapazas e familias. Así, o luthier Xaneco ensinará aos máis pequenos e pequenas a confeccionar os seus propios instrumentos musicais dende as once e media da mañá.

Á mesma hora Iria Pigueiras (IMAVI) ofrecerá outro obradoiro no que elaborar os seus propios complementos artesanais confeccionados con arxila polimérica, teas, flores secas, etc.

Tamén ás once e media da mañá, e ata a unha e media, o encargado de facer bailar será Cé Orquestra Pantasma da man do músico autodidacta vigués César Freiria que achegará pezas do repertorio popular. 

Algo máis tarde, ás doce e media da mañá, abrirase a quenda das charlas con Carabuñas - un proxecto de aproveitamento dos recursos naturais e a súa valorización a través da transformación- que achegará a Muras os "usos e aproveitamento do sabugueiro". De feito, producen de xeito artesanal nun pequeno obradoiro do concello ourensán de Vilar de Santos conservas e licores con materias primas de calidade de produtores e produtoras ecolóxicas galegas mantendo a calidade e o saber facer tradicionais cun punto de innovación.

Ao mesmo tempo será Axóuxere de Roupar a encargada de achegar a música tradicional ao lugar a modo de sesión vermú.

Xa despois do xantar, a partir das catro e media da tarde e ata as sete do serán, a cooperativa Miudiño ofrecerá un obradoiro para que os pequenos e pequenas da romaxe aprendan a confeccionar os seus propios xoguetes. 

Á mesma hora comezará tamén outro dos obradoiros da tarde, o de cestería contemporánea con Idoia Cuesta. Nesta ocasión dirixido a adultos, servirá para aprender a combinar materiais orgánicos con diferentes técnicas artesanais.

E de novo ás seis da tarde, e ata as sete aproximadamente, volverá o tempo de coñecer máis proxectos sobre a posta en valor do medio rural e os seus recursos. Nesta ocasión Milhulloa e Muuhlloa -empresa de cosmética 100% galega realizada con produtos ecolóxicos- abordarán a evolución das prantas medicinais. 

Tamén haberá postos para xantar e stands de alimentación coma as filloas de Muimenta ou da Cervexa Artesá Xistral que achegará a Muras a súa nova 'Xistral de tirador' que leva como ingrediente principal a mel da Serra do Xistral no Valadouro.

Durante todo o día, tamén haberá unha exposición de xoguetestradicionais do rural cedidos por Xosé Manuel García e Xosé López González.

A II Romaxe Artesá da Chaira rematará coa música de Caxade e Radio Cos.

Asociación de Obradoiros Artesáns da Chaira

Co obxectivo de “visibilizar e poñer en valor os oficios tradicionais a través do coñecemento do proceso de elaboración dos produtos” a Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra chá participa nesta romaxe.

A Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá reúne a dez artesáns de recoñecida traxectoria e traballo serio como acredita cada unha das súas cartas de artesáns. Pepa Lombao, Xavier Quijada, Xaneco Tubío, Montse Tubío, Idoia Cuesta, Iria Piqueiras, Vicente Ledo, Carmen López, Pilar Cupeiro e Marcos Ladra traballan conxuntamente na posta en valor da artesanía, pero tamén doutros aspectos coma a paisaxe ou a economía do lugar no que se asentan os seus obradoiros, a comarca da Terra Chá.

Nese sentido, aportan o seu tempo e traballo ao desenvolvemento dalgúns proxectos comúns coma as “Rutas de Vagar” coas que pretenden abrir a súa actividade á sociedade ou o deseño da “Colección auga”, unha colección de cinco produtos que realizaban en colaboración varios artesáns do colectivo.