Preto de 70 mozos e mozas da Ruta Quetzal coñecen Vilalba e a Terra Chá

Algúns dos participantes da ruta Quetzal visitaron o muíño do Rañego e o Paseo dos Soños.

Se o luns 24 visitaban Vilalba, este martes 25 de xullo chegarán a Baamonde onde tamén serán recibidos por Alfonso.

/ Enviado por redactor o Mar, 25/07/2017 - 13:06

A Terra Chá recibe aos preto de 70 mozos e mozas que participan na Ruta Quetzal, un programa fundado en 1979 por Miguel de la Quadra-Salcedo co obxectivo de consolidar entre a xuventude os cimentos da comunidade iberoamericana percorrendo Europa e América seguindo os pasos de personaxes cruciais na historia da comunidade.

Despois de iniciar a súa viaxe en Avilés, os e as participantes seleccionados entre os mellores estudantes con 20 anos procedentes de diversos puntos da península coma Murcia, Madrid ou Barcelona e doutros países de fala hispana coma Arxentina ou México, pisaban o domingo terras chairegas ao entrar en Abadín polo Camiño Norte. O luns 24, despois de instalarse no pavillón do Ínsua Bermúdez, coñecían distintos puntos da capital da comarca onde eran recibidos polo concelleiro de Cultura, José Antonio Pita, e membros da directiva da asociación Abrindo Camiño na Terra Chá, Loli Soto e Alfonso Blanco, que este martes 25 tamén os recibirá en Baamonde e o mércores 26 en San Alberte.

A pesar do cansanzo acumulado, algúns e algunhas non quixeron perderse a visita ao muíño do Rañego e ao Paseo dos Soños ata rematar na área recreativa da Magdalena e participar nunha sesión de Qi Gong.