Rabafolc, Esbatuxada, CantámosCha e música local nas festas de Rábade

Os festexos desenvolveranse entre o venres 11 e o martes 15 de agosto.

/ Enviado por redactor o Ven, 11/08/2017 - 00:02

O venres 11 de agosto comezarán as festas en Rábade que se estenderán ata o martes 15 de agosto. Xa ás cinco da tarde no centro sociocultural Os Cempés ofrecerán clases de baile para non iniciados. Xa na prazuela ás nove será a quenda do pregón da man de Fernando Fernández Castro para dar paso ao descubrimento do Rei da Chaira polos cabezudos e os participantes da quinta edición do Cantámoscha. Tamén haberá unha churrascada popular antes do XXIII Rabafolc –que conta coa colaboración da Deputación Provincial-. A música correrá a cargo de Os Cempés, Pepe Vaamonde, Anxo Lorenzo e os irlandeses Dubhlinn.

O sábado 12 comezará co desfile da Banda de Gaitas da Escola Músico Crisanto e o seu posterior concerto na prazuela. Xa ás dúas e media do mediodía a orquestra Magos de España ofrecerá unha sesión vermú no Campo da Feira. A música continuará pola tarde coa audición do cuarteto de saxofonistas Só 4 Sons Sax Quartet ás sete do serán tamén na prazuela. A verbena contará coa música das orquestras Magos de España e Top Líder.

O domingo 13 haberá un Festival de Bandas de Música na prazuela a partir da unha do mediodía coa participación da banda local Sons e Soños e a Banda de Castrelo (Cambados). A partir das tres menos cuarto da tarde dará comezo a sesión vermú coa orquestra Foliada no Campo da Feira. Celebrando o XIX Día da Bici, dende o Campo da Feira ata a Praza de España, os e as participantes reuniranse ás seis da tarde. Posteriormente haberá sorteo de agasallos e chocolate con churros. E xa caendo o día, ás nove e cuarto do serán, a Young MuraJazz ofrecerá un concerto na prazuela. Á noite haberá verbena coas orquestras Foliada e Claxxon.

Co luns 14 chega o “Día do Río” no que se celebrará a xira campestre ás beiras do Miño para a que se instalarán dúas carpas cubertas. A partir das cinco e cuarto da tarde comezará a XVII Esbatuxada ou descenso polo río en embarcacións caseiras. Á noite, no Campo da Feira, a música correrá a cargo das orquestras Triunfo e New York.

E, finalmente, o martes 15 rematarán as festas nunha xornada que acollerá o concerto da banda Amadores da Música de Ribadeo a partir das dúas menos cuarto do mediodía na prazuela –dentro do programa ‘Musiqueando’ da Deputación Provincial-. Ás dúas e media a orquestra Xacobeo animará a sesión vermú no Campo da Feira. E a tarde deste último día de festas estará marcada polo lanzamento de bombas cada cinco minutos a partir das seis e media da tarde como preludio á gran descarga que ofrece Carlos Rodríguez, da Peña O Foguete, por duodécimo ano consecutivo. Á descarga en Cantarrana unirase o Rei da Chaira acompañado por Cantámoscha. De novo pola noite no descanso da verbena a cargo de Xacobeo haberá unha sesión de fogos de artificio a cargo de Pirotécnica Astariz.