Sotavento achega a enerxía aos alumnos e alumnas da Escola Infantil de Vilalba

A xornada remataba coa elaboración dun chocolate preparado con leite ecolóxica.

Ata o centro vilalbés desprázabase o equipo pedagóxico e algúns materiais coma placas solares fotovoltaicas, maquetas de aeroxeradores, muíños tradicionais, rodas hidráulicas, medidores de consumo, entre outros aparellos eléctricos.

/ Enviado por redactor o Ven, 10/06/2016 - 11:57

O equipo pedagóxico do Parque Eólico Experimental Sotavento visitaba a Escola Infantil de Vilalba o pasado mércores para achegar aos nenos e nenas ás fontes de enerxía alternativas e aos combustibles fósiles a través de actividades prácticas. Así mesmo, comprobaron diferentes medidas de aforro e eficiencia enerxética a aplicar tanto nos seus fogares como no propio centro educativo.

Para facelo posible, os educadores de Sotavento desprazaron ata Vilalba equipamento educativo e material real composto, entre outros, por placas solares fotovoltaicas, maquetas de aeroxeradores, muíños tradicionais, rodas hidráulicas, medidores de consumo, distintos aparellos eléctricos, etc.

A xornada rematou coa elaboración dun chocolate preparado con leite ecolóxica cedida por LACTALIS, nunha cociña solar. As actividades, promovidas pola dirección e profesorado do centro, foron avaliadas positivamente tanto pola equipa directiva da escola como pola Área didáctica de Sotavento. Ambos centros, destacaron a importancia da promoción das fontes de enerxía “limpas” e do consumo responsable en todas as idades.