Tesouros nas paredes, por Antón Tenreiro

Labrada e Os vilares conservan nas paredes das súas igrexas verdadeiros tesouros de arredor de cincocentos anos de antigüidade descubertos na década dos anos 90 do século pasado e conservados pola medida profiláctica de calear as paredes contra as pestes do século XVIII.

/ Enviado por redactor o Mér, 05/07/2017 - 23:47

Tanto os murais de Santa María de Labrada como os de San Vicenzo dos Vilares corren un serio risco de desaparición si non se acometen as obras de restauración destas importantes pinturas do século XVI, de autoría descoñecida as pinturas de Labrada e atribuidas ao Mestre de Parga as dos Vilares. O paso do tempo, as humidades, os desconchados das bancadas, e a falta de mantemento e control técnico especializado, poden convertir en irrecuperables estas obras únicas de patrimonio relixioso. Juán M. Monterroso Montero ten realizado un minucioso e importante estudo dos frescos dos Vilares publicado nos Cadernos de Estudios Mindonienses e Luís angel Rodríguez ten ben documentada a orixe e contidos das pinturas de Labrada.

A labor e interés dos párrocos descubridores de ambas, Luis Angel Rodríguez Patiño en Labrada e Segundo Pérez López nos Vilares non deron logrado aínda a actuación definitiva para a salvación e posta en valor destas pinturas para maior atractivo turístico e patrimonial do concello de Guitiriz, vendo pasar os anos e millóns de euros en diversos investimentos na zona sin que se teña destinado en vinte anos após do seu descubrimento unhas partidas para frear este deterioro.

Parece que a insistencia da Asociación Lareira de soños dos Vilares e do crego de Labrada, que teñen realizado estudos e demandas avaladas por técnicos e presentado a estas as distintas institucións, teñen despertado o interese da Deputación de Lugo, o Concello de Guitiriz e do Arzobispado, mesmo cunha recente visita hai quince días destas institucións para ver o estado dos frescos. Agardemos pois, que sexa esta vez, a que evite a degradación e desaparición definitiva de cincocentos anos de arte e historia que agochan as paredes das dúas igrexas, uns tesouros a preservar ao longo polo menos doutros tantos séculos, Amén.

Antón Tenreiro Ferreiro

Presidente da Asociación Socio-Cultural

Lareira de soños dos Vilares.