Unha alumna do IES A Pinguela de Monforte gaña o IIIConcurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira

O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro 16 de agosto, ás catro e media da tarde, no Centro Sociocultural Mariña Folgueira de Reigosa (A Pastoriza).

/ Enviado por redactor o Sáb, 12/08/2017 - 12:36

Sabrina Pérez López, do IES A Pinguela de Monforte, resultou ser o traballo vencedor do segundo ciclo de secundaria e o que acadou maior puntuación por parte dos membros do xurado. Sabrina presumiu de terra de acordo co lema inicial do concurso coa súa redacción “ A verdadeira historia da Ribeira Sacra”.

Na categoría de segundo ciclo de primaria o gañador foi Marcos Eiros Penedo, do CEIP O Salvador da Pastoriza, e no terceiro ciclo a gañadora foi Paula Parada Diéguez, do CPI San Tomé do Carballo de Taboada.

Amais de Sabrina, en secundaria, Ana Álvarez Amieiro, do IES Fontem Albei da Fonsagrada impúxose no primeiro ciclo.

Formaron parte do xurado avaliador do concurso profesionais recoñecidos do sector da comunicación e da docencia, todos eles amigos de Mariña Folgueira, veciña de Reigosa homenaxeada neste acto. O escritor Xosé Rúas, o xornalista Xosé Ramón Pousa, o professor e presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares, o crítico literario Xosé Torres e o diretor do departamento de innovación e negocio da CRTVG, Xosé Pereira foron os encargados de seleccionar estes catro nomes de entre o cento de traballos presentados.

Todos os nenos premiados levarán como recoñecemento un diploma, un lote de libros e unha tablet. O centro da alumna máis votada, neste caso o IES A Pinguela de Monforte, tamén recibirá cunha escultura (Peiteando o porvir) do lucense Luís Loureira, unha peza de madeira de nogueira e ferro esmaltado e pintado.

A asociación veciñal de Reigosa agradecerá a alta participación agasallando os non premiados cun libro. O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro 16 de agosto, ás catro e media da tarde, no Centro Sociocultural Mariña Folgueira de Reigosa (A Pastoriza).