Unha ducia de concellos da comarca desenvolverán obradoiros de emprego impulsados pola Xunta

Representantes dos Concellos beneficiados durante a presentación do programa de obradoiros de emprego.

A administración autonómica prevé que nas últimas semanas de agosto se realice a selección e a finais de setembro teñan lugar as primeiras contratacións.

/ Enviado por redactor o Ven, 28/07/2017 - 16:28

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro presentou este venres aos concellos beneficiarios o programa dos obradoiros de emprego que este ano suma un investimento de catro millóns de euros na nosa provincia.

A aposta do Goberno galego polo emprego tradúcese na creación de ao redor de 400 novos postos de traballo entre os alumnos que serán contratados e o persoal administrativo, de dirección e os monitores e docentes dos obradoiros.

En Lugo serán 17 os obradoiros de emprego que se porán en marcha en 39 concellos distintos, nunha medida coa que a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria e en colaboración cos concellos lucenses, ofrecerá unha oportunidade laboral e formativa aos beneficiarios

“A previsión que manexamos é que ao longo das próximas semanas, con máis seguridade en agosto, poidan iniciarse os procesos de selección, que realizan os concellos beneficiarios a través das oficinas de emprego, para que así a finais do mes de setembro os obradoiros podan estar en marcha”-indicou o delegado territorial.

Balseiro tamén lembrou que, no caso concreto dos obradoiros de emprego ordinarios, verán ampliada a súa duración de 6 a 9 meses, algo que contribuirá a unha mellor formación e a ofrecer un máis amplo prazo para rematar as obras e servizos que en cada concello se executan.

Outro dos beneficios da actual convocatoria é que o anticipo económico que a Xunta pode achegar aos concellos pasará do 25 ao 50 por cento do total da subvención, o que redundará na liquidez das corporacións locais e evitará sobre-esforzos.

Especialidades para os municipios chairegos

- Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito: levantamentos e replanteos; operacións auxiliares de revestimentos continuos en construcción e montaxe e mantemento de instalacións eléctricass de baixa tensión.

- Muras (con Ourol e O Vicedo): atención sociosanitaria a persoas no domicilio e traballos de carpintaría e moble.

- Vilalba e Abadín: revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción, impermeabilización mediante membranas formadas con láminas e traballos de carpintaría e moble.

- A Pastoriza, Pol, Riotorto (con Castroverde e Ribeira de Piquín):  actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

- Rábade, Begonte e Friol: revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción, operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

- Deputación Provincial de Lugo: operacións auxiliares de revestimentos continuos en construcción.