Unha ducia de curtas serán proxectadas en Roca no seu IV Festival de Cine de Música

Son tres na categoría galega e nove na categoría de fóra de Galicia que conta con representación cubana e húngara.

/ Enviado por redactor o Xov, 13/07/2017 - 16:15

O pregón de Xurxo Souto abre o venres 28 de xullo a cuarta edición do Festival de Cine de Música de Roca arredor das nove e media do serán seguido da proxección do seu documental “Dos gaiteiros do Mar”.

De seguido Irene Pin e Begoña Fernández traen o seu documental “Morrer Devagar”, un proxecto que xa viñeran a presentar na pasada edición.

E na segunda xornada de proxeccións, a do sábado 29, proxectaranse as curtametraxes a concurso entre as máis de 200 recibidas pola organización. 

Ás nove e media do serán será a quenda das curtametraxes galegas seleccionadas: “Superpunki, El musical”, de Pablo Cacheda (Pontevedra); “A Chave de Bascuas”, de Bruno Pena (Guitiriz); e “A nota final” de Axel Muñiz (A Coruña).

A partir das dez e media da noite será a quenda das curtametraxes de fóra de Galicia seleccionadas: “Acordes por un sueño”, de Fran Álvarez e Jorge Dopacio (Asturias); “Los músicos callejeros de Satán”, de Jordan Woodgate (Catalunya); “60 veces por minuto”, de Nacho Campillos (Valencia); “O movimiento do escuro”, de Alexandre Rossi (Brasil), “Le Chat Dore”, de Nata Moreno (Zaragoza), “Ringo”, de Adriá Pages Molina (Barcelona), “El Divino”, de Sendoa Cardoso (Bilbao), “Sentidos” de Laura Vilamor, Fabio Scuratti, Marta Jaenes Barrios (Cuba) e “Tierra sin mal – Land whitout evil”, de Katalin Egely (Hungría).

E ás doce da medianoite entregaranse os premios de 100 euros e un trofeo obra do artesán Marcos Ladra aos gañadores de cada categoría segundo os votos do público.