Unha ocorrencia, por Paulo Naseiro

Os que somos da quinta do setenta na capital chairega medramos xogando ao marro baixo a presenza broncíxena do ilustre prócer enfundado de muceta, pero sen birrete, que veu reemprazar o palco da música que orixinalmente debería ter presidido a Alameda, ese espazo da nosa memoria.

/ Enviado por redactor o Lun, 31/07/2017 - 12:45

Da nosa inxenuidade de entón, eramos nenos, xurdiu un inocente xogo de palabras para denominar a única representación escultórica coa que contou o noso pobo até practicamente o século XXI: aproveitando o nome de pía do homenaxeado e o feito de que o seu busto descansara enriba dunha mole de pedra máis ou menos hexaédrica, para nós era habitual quedar na Alameda, diante do “manolito”, para comer pipas como se non houbera mañá.

Adoito lembrar esta brincadeira, sen ningunha intención política no noso universo infantil, a aqueles que teiman en acusar a Vilalba e os vilalbeses de non poñer suficiente interese no recordo histórico dunha personaxe que atravesou seis décadas no devir das Españas a velocidade de cruceiro, e que recibiu, xa na súa etapa crepuscular, o mote de “o león de Vilalba”.

Pois ben, unha tal María Ángeles Alarcó, cuxo maior mérito coñecido é o de percibir 173.184 lereles anuais á  fronte da empresa estatal dos Paradores, e cuxo segundo maior mérito é o de conseguir o primeiro sen ter a máis mínima experiencia anterior nun posto semellante (deixando á parte os rescates públicos, os ERE´s e o peche de establecementos) ven de aproveitar a celebración do cincuentenario do Parador vilalbés non se sabe se para anunciar, pedir ou suxerir que o nome de Manuel Fraga “estea presente na nomenclatura oficial” do establecemento hoteleiro.

Non digo nada. Despois de todo Paradores leva cincuenta anos a facer da súa capa un saio no que toca ao noso monumento máis coñecido, comezando por unha “restauración” máis que discutible, francamente desacertada, e seguindo por unha ampliación máis acaida para un motel de estrada que para o entorno da senlleira torre medieval, incluíndo un pasadizo propio da exposición dunha carpintaría de aluminio. Poden pórlle o nome que lles pete... total, unha máis...

Pero alguén debería explicarlle que, á parte do “manolito”, os nenos e nenas que encetábamos os xeonllos na grava da Alameda estudamos nalgunha das institucións educativas da pomposamente chamada “Cidade Cultural Manuel Fraga”, a Fundación Manuel Fraga leva anos varada e sen actividade, temos unha rúa “Manuel Fraga Bello” e o noso equipamento cultural máis importante leva o nome de “Auditorio Carmen Estévez”, sen que ninguén saiba exactamente a conto de que... -por certo que, perto de alí, a carón da igrexa parroquial, hai un monumento aos emigrantes. Fíxense no señoriño e díganme a quen se lles asemella...-

A este paso non nos vai quedar moito máis que rebautizar a vila: Fragalba? Vilalba de Fraga?

E, por certo, o Parador ten nome desde que abriu, en 1967: “Condes de Vilalba”.

Paulo Naseiro.