Unha vilarega para o pregón da XXVI Romaría Labrega da Chaira

A xornalista dos Vilares Maite Teijido ofrecerá o sábado 13 de agosto o pregón desta vixésimo sexta edición dunha festa que honra ao rural. A romaría celebrarase tamén o domingo 14 cando se desenvolverá a célebre exhibición de habilidades coa segadora.

/ Enviado por redactor o Dom, 17/07/2016 - 23:38

A xornalista vilarega Maite Teijido será a pregoeira da Romaría Labrega da Chaira que a súa parroquia natal celebra, por vixésimo sexto ano consecutivo, cada segunda fin de semana de agosto.

Desta volta, entre o sábado 13 e o domingo 14, e como xa é tradición, haberá concurso de sega con gadaña, probas de habilidade con segadora e outras actividades vencelladas ao rural coma concursos de animais, rutas, exhibicións, xincanas e sorteos -coma o dun cabrito ou dunha xovenca de raza Rubia Gallega-.

Ademais da música dos Feroces da Galgueira e do dúo La Hora Bruja, o sábado celebrarase a XXVI Carreira Popular dos Vilares, xogos populares para nenos e nenas e liscos gratis antes da festa verbena.

O domingo, pola súa banda, a música correrá a cargo do grupo tradicional Lumieira e do dúo Fusión Latina.

XXVI Carreira Popular dos Vilares

A Carreira Popular que dará comezo ás doce do mediodía constará de 5 quilómetros de percorrido que deberán completar as catro categorías - A, ata 29 anos; B, de 30 a 42 anos; C, de 43 a 55 anos; e D, máis de 58 anos-.

Neste caso, é obrigatoria a inscrición a través de www.championchipnorte.com antes do mércores 10 de agosto por un prezo de 3 euros -no caso de contar con chip amarelo en propiedade- ou 4 -para os e as participantes que deban alugar un chip-.

Á unha do mediodía darán comezo as probas das categorías infantís que contan cun percorrido de 1.400 metros para os rapaces e rapazas das categorías infantil e cadete, 700 metros para prebenxamíns e benxamíns e 200 para a categoría chupete. A inscrición é gratuíta.

Haberá trofeo para o primeiro ou primeira clasificada de cada categoría, ademais dun agasallo promocional para os e as participantes. Tamén se entregará unha medalla conmemorativa a todos os inscritos nas carreiras menores e un agasallo promocional.