Vilalba Aberta acusa ao Goberno Municipal de facer partidismo co patrimonio vilalbés

A formación asemblearia cualifican de inadmisible  a proposta de Ángeles Alarcó, relativa á inclusión do nome de Manuel Fraga na nomenclatura oficial do Parador e esixen a Baamonde que deixe de promover en nome Vilalba a un persoeiro ligado á  vergoña da ditadura e o narcotráfico.

/ Enviado por redactor o Sáb, 29/07/2017 - 12:38

A asemblea de Vilalba Aberta, que no Pleno do vindeiro luns defenderá unha proposta relativa á posta en marcha dunha comisión de investigación municipal co obxectivo de fiscalizar as relacións do empresario Villar Mir e maila corrupción da “Trama Lezo” coa reforma da Casa-Museo de Fraga e as actividades da súa Fundación; vén de manifestar o seu frontal rexeitamento ás declaracións que a presidenta de Paradores e ex muller de Rodrigo Rato, Ángeles Alarcó, fixo no día de onte relativas á inclusión do nome do ex presidente do PP na nomenclatura oficial do de Vilalba.

A proposta, enunciada co gallo do 50 aniversario do complexo situado na antiga torre dos Andrade, foi complementada coas afirmacións de Baamonde que de novo situou a Fraga Iribarne coma responsable último do seu rexurdimento coma parador, primeiro coma Ministro de Información e Turismo no Franquismo e logo, xa ben entrados os 90, coma presidente do Goberno Autonómico. 

Unhas declaracións que o voceiro asembleario Modesto Renda situou no “continuado empeño do Goberno Municipal por facer proselitismo de partido utilizando o patrimonio común dos vilalbeses/as” e advertiu a Baamonde que “deixe de promover coma representante de todos os veciños, independentemente da súa ideoloxía, a un persoeiro ligado á vergoña do franquismo coma ministro da súa ditadura e vinculado á lacra que significou neste País a mesma mafia do narcotráfico que financiaba as súas campañas”.