Xa van moitas, por Juan Carlos Piñeiro Docampo

Juan Carlos Piñeiro Docampo, secretario xeral de Compromiso por Galicia.

Morriña, saudade, afouteza ... está claro que a nosa lingua expresa sentimento. Un sentimento que enraíza na Terra e  que sae de todos nos, un sentimento de pertenza a algo máis grade, quizais forxado nas casas comúns castrexas, quen sabe, está no noso ADN. A fachenda de ser de Galicia está, xa que logo, dentro de todos nos.

/ Enviado por redactor o Lun, 17/07/2017 - 17:15

Ilusión, cambio, ruptura, nova política ... foi unha baza na que moita xente acreditou, cando algúns sabíamos que todo estaba inventado. Pero os listos xogaron con esa mensaxe, case con éxito.

En Galicia pretenderon mesturar o sentimento coa mensaxe de laboratorio da Complutense, e así pretenderon vender un produto con un nome bonito: En Marea.

TRABUCÁRONSE, e aínda están como a NASA buscando no “espazo”, non saben, meus pobres, que o espazo é baleiro. Máis xa van moitas as veces que se utiliza a Galicia para facer experimentos políticos que logo se  aplican noutro lugar. É hora de parar é hora de dar a Galicia DIGNIDADE, e non se vai a dar falando de: espazo, ruptura, confluencia, proceso ...

Pero estamos diante dun problema, a xente que precisaba de  ilusión foi enganada, a xente que precisaba de País foi enganada, a xente que precisaba de defensa tamén foi enganada. Galicia non precisa dun proxecto endogámico que leva máis dun ano falando de si mesmo. A nosa Terra precisa de mulleres e homes con fachenda, con forza e con sentimento para erguela, para darlle dignidade e para facer valer o peso de  máis de 2.718.525  corazóns que se senten galegos, que senten Galicia e que queren vivir nesta Terra con dignidade. Sentimento que non precisa ser “confederal”, se non real e forte.

Parece que as caretas caeron, o panorama despexa, os que xogaron coa ilusión xa se ve agora que son cativos de corazón, tanto que se suban o soldo, tanto que incluso fallaron ó seu lema de mudalo todo, para ser a peor expresión da rancia política.

Queda libre un camiño para un compromiso real con Galicia, é a hora dos auténticos galeguistas, os que están cando teñen que estar os que acreditan de Galicia como potencia, como realidade e como País, con sentidiño e sen teimas e roturas, construíndo e sumando sen muros.

Juan Carlos Piñeiro Docampo, Secretario Xeral de CxG.