As XSG de Vilalba organizan un “Lecer Rural” en Nete co fin de dinamizar as parroquias

A agrupación xuvenil considera prioritaria a incorporación de actividades socioculturais para as e os pequenos do rural.

/ Enviado por redactor o Mér, 09/08/2017 - 00:11

As Xuventudes Socialistas de Vilalba organizan para o vindeiro 19 de agosto un “Lecer Rural” que se desenvolverá, nesta ocasión, na parroquia de San Cosme de Nete a partires das cinco da tarde. Esta iniciativa responde a un intento por parte da organización xuvenil de dinamizar as parroquias do concello con actividades lúdicas e culturais.

A primeira hora da tarde desenvolveranse unha serie de xogos tradicionais, como a billarda, bolos ou zancos, para fomentar as relacións interxeracionais e dar pulo á cultura propia desde a infancia. A continuación realizarase unha búsqueda do tesouro na contorna da casa escola de San Cosme de Nete, cun premio sorpresa, rematando cunha merenda para todos os nenos e nenas que participen, co límite dos 14 anos de idade. Para inscribirse, deberán enviar o nome e idade ao correo xuventudessocialistasvilalba@gmail.com ou aos números de teléfono 627 243 863 ou 685 026 384.

A organización moza do PSOE de Vilalba fai unha crítica ao concello por ter limitado a meirande parte das actividades ao núcleo da vila, “de xeito que as familias que non teñan os medios para desprazarse quedan relegadas e discriminadas da actividade social e cultural do municipio”, censuran. Lembran que no último pleno, o grupo municipal levou unha moción “que pedía que os técnicos do concello estableceran contacto coas asociacións das parroquias para dinamizar o rural desde un punto de vista sociocultural”, moción que foi rexeitada. Os socialistas tamén pediron a implicación de profesionais que deseñaran proxectos de actividades, “pois son os que poden detectar situacións de soidade ou exclusión nas persoas maiores, ou discriminación nos máis pequenos”. 

Neste senso, as xuventudes socialistas poñen en marcha esta inciativa “seguindo a nosa liña de criticar sempre cunha proposta, e esperando que o concello tome medidas e comece a fomentar o asociacionismo xuvenil, pois a falta de oportunidades da mocidade acabará co movemento das parroquias ante a mirada impasible do PP de Vilalba”, engadindo que “traballaremos por disminuir a discriminación que están a sofrir os nenos das parroquias con respecto dos que residen no núcleo de Vilalba”.