A Xunta entrega catro vivendas de promoción pública situadas en Muras e Vilalba

Representantes da Xunta e das corporacións de Muras e Vilalba facían entrega das chaves aos adxudicatarios.

A semana pasada tamén se celebraban os sorteos de vivendas no Valadouro, Burela, Cervo e Foz que se engaden aos de Monforte e Sarria que se celebrarán a finais desta semana.

/ Enviado por redactor o Mar, 06/06/2017 - 23:56

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que depende da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, fixo entrega de catro vivendas de promoción pública situadas en Muras e Vilalba.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, asistiu aos actos de entrega de chaves aos dous adxudicatarios en Muras e outros dous Vilalba -ademais doutro en Viveiro- e lembrou que están en tramitación novas adxudicacións, xa que a semana pasada celebráronse os sorteos para ocupar tres vivendas no Valadouro, dúas en Burela, e outras tantas en Cervo e Foz.

Igualmente, o vindeiro xoves está previsto celebrar o sorteo para adxudicar catro vivendas en Monforte de Lemos e dúas en Sarria. Logo destes sorteos cada adxudicatario coñece a vivenda que lle corresponde e debe comunicar por escrito a súa conformidade, para ser convocado ao acto de entrega de chaves.

As persoas interesadas en acceder a unha vivenda de promoción pública poden inscribirse en calquera momento no rexistro de demandantes de vivendas de Galicia. En base a este rexistro, a comisión de Vivenda elabora cada ano -no mes de xaneiro- os listados de segundas transmisións ou reservas, mediante sorteo ante notario entre os inscritos. Deste listado saen os adxudicatarios que son chamados a medida que van quedando vivendas baleiras.