A XV Ruta BTT Monseivane - Serra do Xistral pecha o calendario do Open Galego XCM 2017

Isabel Picoaga (CC 7 Voltas) e Manuel Carrelo (CC Castropol), vencedores do ano pasado.

Será o domingo 20 de agosto. A proba xa formara parte do Open Galego XCM na pasada edición na que reunía a 190 ciclistas entre as probas competitivas e as propostas cicloturistas dende o Club Ciclista As Pontes - Vilalba. O prazo de inscrición remata o 17 de agosto.

/ Enviado por redactor o Lun, 07/08/2017 - 18:26

Unha nova proba do Open Galego de BTT Maratón 2017 celebrarase en Vilalba o domingo 20 de agosto. Trátase da décimo quinta ruta BTT Monseivane Serra do Xistral que organiza o Club Ciclista As Pontes - Vilalba e a segunda edición que forma parte do calendario galego de maratón.

A ruta constará dun recorrido de 76 quilómetros de distancia con 1800 metros de desnivel positivo por diversos camiños e sendeiros da zona que atravesan a Rede Natura e as Terras do Miño; xa que se dirixirá a Lanzós dende A Magdalena cara ao Monseivane, na Serra da Carba e o Xistral, chegando ao municipio de Xermade ata volver ao punto de saída por A Charca do Alligal e Santaballa.

O regulamento do Open de Galicia XCM establece seis categorías: elite sub 23 masculino, elite sub 23 feminino, master feminino, master 30 masculino, master 40 masculino e master 50/60 masculino. Con todo, destaca a alta participación feminina na proba competitiva. A pasada edición coronaba a Isabel Picoaga (CC 7 Voltas de Mondoñedo) e, no apartado masculino, a Manuel Carrelo (CC Castropol).

Paralelamente celebrarase unha ruta cicloturista á que se dará saída 5 minutos despois da proba competitiva prevista para as nove e media da mañá. Serán dúas as distancias propostas neste caso. Por unha banda a de 76 quilómetros polos mesmos trazados que a proba competitiva e, por outra, unha algo máis curta, de 62 quilómetros.

A organización agarda chegar aos 190 participantes da pasada edición que se celebraba a principios de outubro pechando tamén o Open. Desta volta, a Federación Galega de Ciclismo pechaba un calendario de cinco probas que tivesen rematado antes do inicio do campionato de España a comezos de setembro.

O prezo da inscrición é de 32 euros para os federados ou 42 para os participantes que non dispoñan de licencia. En ambos casos inclúese o xantar. No caso de non inscribirse para a comida, os prezos son de 20 e 30 euros, respectivamente. A maiores, a comida dos acompañantes supón un incremento de 12 euros por persoa.

A inscrición pódese formalizar a través dun formulario on line ata o 17 de agosto ou ata alcanzar os 300 inscritos. No caso dos menores de 18 anos, deberase achegar tamén autorización dos pais ou titores para participar na proba.

A entrega da bolsa do corredor realizarase na carpa ubicada no Estadio A Magdalena o 19 de agosto pola tarde en horario de seis a oito da tarde e o domingo 20 dende as oito ás nove da mañá; xa que a saída está prevista para as nove e media dende as inmediacións da área recreativa.

Ao remate da proba desenvolverase unha dobre entrega de premios. Por unha banda, aos tres primeiros de cada categoría competitiva e, por outra, aos primeiros clasificados do Open Galego 2017. Pero tamén haberá trofeos para os e as participantes e clubs da proba non competitiva: ciclista máis veterano, ciclista máis novo, club máis numeroso (mínimo 3 ciclistas) e club máis lonxano (mínimo 3 ciclistas).

O CC As Pontes - Vilalba

O club organiza ao longo do ano distintas rutas sociais, marchas populares ou a Clásica Ciclodeportiva Vila de As Pontes – Desafío Fragas do Eume que recupera a Clásica Cicloturista Vila de As Pontes que organizaba nos anos 90 o seu predecesor, o Club Ciclista As Pontes.

O Club Ciclista Vilalba-As Pontes creábase no ano 2001 grazas á vontade dun pequeno grupo de afeccionados ao ciclismo de ambas as localidades, entre os que existía unha estreita relación cimentada na práctica habitual e conxunta deste deporte. Así nacía un club ciclista atípico e posiblemente único en España posto que aglutina con gran éxito a un bo número de afeccionados de dúas localidades e provincias distintas. Son, na actualidade, arredor de 60 socios e socias.