Aturuxo, monográficos de música tradicional en Muimenta

Do 24 Nov ao 25 Mai Axenda

Este sábado dará comezo Aturuxo, unha programación sobre monográficos de música tradicional galega que se levará a cabo no Local Social do Centro Médico de Muimenta organizada pola Asociación Cultural Aquilino Iglesias Alvariño.

A idea é que poidan aprender e mellorar técnicas para seguir enchendo cada evento da Terra Chá con foliadas. Para iso contan con profesionais como Noemía Basanta, Roberto Rodríguez, Rebeca Tallón, Iago Domínguez, Ruth Pérez e Xabier Iglesias. Estes monográficos será un por mes, comezando este sábado 24 de novembro, para continuar o 29 de decembro, 26 de xaneiro, 23 de febreiro, 30 de marzo, 27 de abril e 25 de maio.

O primeiro monográfico será o de técnica de pandeireta (xota) que será este sábado 24 de novembro é da man de Noemí Basanta.

A responsable da ponencia é mestra na Asociación Cultural Cántigas e Frores e tamén directora do seu grupo de pandeiretas. Nos útlimos anos ofreceu diversas conferencias nas que explorou a variábel de xénero na música e na literatura popular en universidades como a Complutense de Madrid, a Deusto ou a de Salamanca.

Participou como vocalista, percusionista e bailadora do grupo Leña Verde de Pol e froito dese traballo é o álbum A Contratempo (2010). Na actualidade forma parte de Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre con quen editou The tambourine man (2015) e Noró (2017).

E como peche o 25 de maio haberá unha foliada aberta onde poder poñer en práctica todo o aprendido e coa colaboración das Bouba como grupo convidado.

Para apuntarse hai que chamar ao 660.170.179, e cada obradoiro terá un prezo de 25 euros, pero se se apuntan como mínimo a tres custará 20 euros.