Día e Noite dos Museos

- Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei) - Sáb, 20/05/2017 - 17:30 -

Cada ano dende 1977, o día 18 de maio celébrase no mundo enteiro o Día internacional dos museos ca finalidade de concienciar á sociedade  sobre o papel dos museos.

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e O.U. ofrecen como cada ano un amplo programa con concertos, actividades e obradoiros para todos os públicos, con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos o 18 de maio. Este ano a cita desenvólvese baixo o lema “Museos e Historias controvertidas: dicir o indicible nos museos”, para salientar a responsabilidade dos museos en promover e comunicar que as coleccións dos museos encarnan os medios da memoria e da representación da historia, tamén daquelas memorias feridas, para poder reflexionar máis aló dos individuos na busca da reconciliación.

Neste senso, o Museo do Castro de Viladonga programou, dentro das actividades para conmemorar esta data, distintas exhibicións, obradoiros e actuacións. 

Pero este Museo, un ano máis, singularízase por celebralo durante máis dun día e tamén pola noite, mediante un programa que inclúe música tradicional, xogos, demostracións, obradoiros e concertos dirixidos a todos os públicos e coa participación de varias asociacións e coa colaboración, coma todos os anos, da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga e do Concello de Castro de Rei.

A Noite dos Museos é una celebración internacional que promove a apertura nocturna destas institucións. Este ano os actos son os seguintes:

- A partir das 17:30 h.: Obradoiro de creación de brinquedos.

Trátase da realización de bonecos, vehículos... a partires de diferentes elementos naturais: poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do pais, follas de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro e sobreira. A cargo de S.Coop. Galega Miudiño.

- A partir das 17:30 h.: Xogando Miudiño

Un fermoso espazo de xogo libre con brinquedos (xogos e xoguetes) tradicionais como zancos, aros, a ferradura, tiracoios, construcións, un espazo de brinquedos sonoros para a exploración musical e un espazo de medios de locomoción. Actividade a cargo de S.Coop. Galega Miudiño.

- A partir das 17:30 h.: Actuación musical de “Cé orquestra pantasma”

Baixo o nome de “Cé orquestra pantasma” agóchase o vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais que se transforman nun home orquestra cun variado repertorio de música galega. Actividade para todos os públicos

- Dende as 20.00 h.: Actuación de Davide Salvado e Pedro Pascual.

O artista galego Davide Salvado é unha das voces máis carismáticas de Galicia. Davide Salvado leva media vida percorrendo as aldeas galegas en busca de ritmos, coplas e danzas. Os cantos de mulleres transmitíronlle a tradición musical e un conxunto de formas de vida e de respeto pola terra, que configuran a súa forma de expresarse. Desta influencia xurde o seu último disco «Lobos», (producido por Pedro Pascual) un traballo no que o artista pretende facer unha homenaxe a todas as pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que ensinaron a Davide a ser o que é.

- A partir das 21.30 h.: Viño, petiscos e queimada para todos os asistentes.

- A partir das 22.30 h.: Visita nocturna polo castro.