Día Internacional do Museo no Castro de Viladonga

O 18 Mai 2019 Axenda

A Consellería de Cultura e Turismo celebra o vindeiro sábado no Museo do Castro de Viladonga o Día Internacional dos Museos, sumándose, cunha programación especial, á efeméride que cada 18 de maio convoca o Consello Internacional dos Museos -organismo vinculado á Unesco-.

As actividades en Viladonga son totalmente gratuítas e comezarán ás 17.30 horas. A asociación Xotramu de Muimenta convidará aos máis pequenos a gozar cos xogos tradicionais; Clío Reconstrución Histórica realizará demostracións sobre o proceso de traballo que requirían o liño e a la na antigüidade, dende a confección do fío ata a elaboración das prendas no tear.

A música correrá a cargo da charanga Festicultores e, ás 19.30 horas, dará comezo o concerto da banda Por mi swing, especializada na música dos anos 30, 40 e 50. Xa pola noite, serviranse petiscos e queimada, grazas á colaboración da Asociación de Amigos do Museo de Viladonga e do concello de Castro de Rei.

O Día Internacional dos Museos celébrase dende 1977 cada ano cun lema distinto destinado a subliñar a súa función fundamental para a sociedade. Nesta ocasión, o lema é “Os museos como eixes culturais. O futuro da tradición”.