Dobre actividade na Casa Museo Manuel María

O 9 Nov 2019 Axenda

Este sábado, día 9 de novembro, a Casa-Museo Manuel María oferta unha dupla actividade cultural. Ás 18 hrs, un espectáculo de luz, son e cordas para gozar toda a familia, Circo Galaico, de Títeres Alakrán; e, ás 20 horas, un concerto-foliada co grupo de música tradicional rabadense, Treboada.

Círco Galaico, de Títeres Alakrán e co titiriteiro Borja Insua, é un espectáculo de variedades conducido por un presentador que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo amenizado cunha marabillosa música. Un circo único onde a maxia e o fantástico se mistura co autóctono, onde os artistas serán animais da fauna galega en liberdade (Xaquín, o forzudo xabarín; Corvus, o corvo equilibrista; Pedriño, o raposo malabarista; a cabra Ribelina; e o pallaso Rolín). O espectáculo está dirixido para público familiar e crianzas e o billete custa 2 euros por persoa. Cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Ás 20 horas, e con entrada libre, o grupo de música tradicional de Rábade, Treboada, levará a cabo un concerto-foliada, convidando a todas as persoas que se acheguen a bailar, cantar e tocar xunto aos seus membros.