Entroido Gastronómico de Vilalba

Do 7 Feb 2020 ao 22 Feb 2020 Axenda

O Concello de Vilalba, a través da súa Concellería de Turismo e Promoción do Comercio Local, convoca á hostalería a participar nas I xornadas de degustación Entroido Gastronómica de Vilalba, a fin de que todos os bares, restaurantes e establecementos hotaleiros con servizo de cociña do termo municipal que así o desexen ofrezan tapas, pinchos ou menús (ou pratos en carta) especiais nos que os produtos típicos do entroido galego sexan os protagonistas, isto é: Cocido, lacón con grelos, caldo, cachucha, botelo, androlla, filloas, orellas, rosquillas de anís, leite frito, etc…

Estas xornadas desenvolveranse todos os venres, sábados e domingos entre o 7 e o 22 de febreiro.

O Concello explica tamén que aqueles establecementos que non dispoñan de cociña (bares enfocados á coctelería etc..) ademais de xogar coma reclamo coa presenza dos postres típicos anteriormente citados coma complemento, terán a posibilidade de participar ofertando unha proposta especificamente deseñada para a ocasión.

Coma elementos distintivos e seguindo a estratexia de potenciación dos produtos locais, está permitida tamén a inclusión de produtos típicos de Vilalba, tales coma o Queixo de San Simón, mel da Serra da Carba ou Roscón de Vilalba, entre outros.

Os menús (ou pratos) especiais, así coma os cocktails/combinados adecuaranse aos habituais de cociña e barra de cada un dos establecementos participantes. No tocante ás tapas e pinchos especiais, o horario será unificado: de 13:00-15:00 e de 20:00-23:00h.

O prezo é completamente libre para cada local adecuándose ao habitual.