Exposición de debuxo e pintura de Isabel Pardo Martínez

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando coa súa programación de outuno, ten previsto presentar o venres, día 6 de outubro de 2017, ás oito e media do serán no Auditorio Municipal de Vilalba a EXPOSICIÓN DE DEBUXO E PINTURA con traballos da artista chairega ISABEL PARDO MARTÍNEZ, alumna de 4º de ESO no IES BASANTA SILVA.

A exposición confórmana 26 obras de debuxo -con técnicas de carbonciño ou lapis- e pintura -óleos, principalmente-.

A debuxante e pintora escribe así sobre o seu traballo:

“Debuxo para encher o tempo no que tardo ver chover.
Debuxo para ver música e escoitar pintura.
Debuxo para estar con aqueles cos que non poido estar.
Debuxo para evocar ese arrecendo un pouco doce, un pouco amargo; un pouco a pechado e un pouco a mar aberto.
Debuxo para contar segredos inconfesablemente reais, porque iso salva dunha morte a distancia, a distancia entre a mente e a vida.
Debuxo para separar a razón da parte que me incumbe.
Para non correr en círculos humanos.
O problema chegará o día no que descubra que debuxar non me salva do mundo, senón que me salva de min mesma.”

A exposición poderase visitar ata o 31 de outubro.

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: