Exposición de Leandro Seixas en Vilalba

Do 12 Dec 2019 ao 15 Xan 2020 Axenda

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o acto de inauguración da Exposición de Esculturas de Leandro Seixas, que terá lugar o próximo xoves 12 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

A mostra confórmana 11 pezas escultóricas realizadas a maior parte delas en mármore. Permanecerá aberta ata o día 15 de xaneiro de 2020.

En palabras do propio Leandro Seixas, esculpir consiste na apropiación do espazo coma un lugar de reflexión onde se formula volumetricamente o inconcreto, sexa isto unha emoción, un pensamento ou calquera impresión que dende o subconsciente latexa difusa na intuición, ate materializarse primeiramente nun bosquexo e máis tarde nunha forma viva, capaz de establecer unha comunicación emocional co espectador.

Con motivo desta primeira exposición de Leandro Seixas en Vilalba, o Iescha publica un libro-catálogo onde se recollen tanto as pezas que forman parte desta mostra como outros traballos de gran formato que Leandro ten colocados en distintas partes do mundo.