A Casa-Museo Manuel María celebra a final do concurso de videopoemas coa proxección dos dez finalistas

Será este sábado 20 de maio a partir das once e media da mañá. David Méndez ofrecerá, durante o transcurso do evento, un espectáculo de maxia.

/ Enviado por redactor o Xov, 18/05/2017 - 19:33

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado 20 de maio a partir das once e media da mañá a fase final da primeira edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que vén de organizar. 

Dez, son os videopoemas seleccionados polo xurado para pasaren a esta última fase, entre os setenta traballos presentados por mozas e mozos de ensino non universitario de distintos centros da Galiza. En concreto os traballos finalistas son:

-Única moeda, de Uxía Silva (IES Manuel García Barros da Estrada)

-Vivir para ver, de Bárbara Gargallo Méndez, Héctor Izquierdo Otero e Iván Fernández Méndez (IES Marqués de Sargadelos de Cervo)

-Cantar de emigración, de Carla Díaz Pérez e Carla López López (IES A Pinguela de Monforte de Lemos)

-Quiroga, fáloche a ti, de Marta Campos Mateo e Sara Casanova Martínez (IES de Quiroga)

-Cheguei a Fisterra, de Noa Fernández Morano (IES David Buján de Cambre)

-Saúdos, de Bárbara Santos de Menezes (IES David Buján de Cambre)

-Un día cediche ao amor inevitábel, de Marta Paz Martínez (IES David Buján de Cambre)

-Cando hai xentes que maltratan a palabra, de Lucía González Leobalde (IES David Buján de Cambre)

-Negra sombra, de Gloria Guindos Bretones (IES David Buján de Cambre)

-Labrego, de Ana Rascado Dopico (IES David Buján de Cambre)

Os dous mellores videopoemas deste certame, que ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía de Castro e Manuel María, serán premiados cunha tablet. 

Durante o transcurso do evento, aberto ao público, o ilusionista, natural de Outeiro de Rei, David Méndez, ofrecerá aos asistentes un espectáculo de maxia.