Debate aberto sobre a xestación subrogada e os ventres de alugueiro con Vilalba Aberta

A formación asemblearia organiza xunto ao Grupo de Feminismos de En Marea un debate aberto á veciñanza, a fin de recoller todas as opinións e conformaren “ así e dende a base” o seu posicionamento ao respecto.

/ Enviado por redactor o Xov, 18/05/2017 - 09:09

Perante a posibilidade dunha próxima regulación legal da xestación subrogada, En Marea está celebrando este mes, en localidades de toda Galicia, encontros sobre a maternidade e partenidade subrogadas e os ventres de alugueiro, entendendo que “é preciso abrir esta cuestión ao debate social, para coñecer as diferentes sensibilidades fronte a un tipo de maternidade e paternidade que ofrece moitas aristas”.

Logo de pasar por Compostela, Vilagarcía, o Carballiño e Ourense,  este xoves 18 de maio o debate fará parada en Vilalba, onde en colaboración coa asemblea de Viallba Aberta celebrarán a iso das oito da tarde un encontro aberto no Hostal Restaurante Terra Chá. O mesmo, será introducido e moderado por María Xosé Lamas e María Xosé Fernández mermbros da asemblea de Vilalba Aberta e por Sara Outeiral, integrante do Grupo de Feminismos de En marea e membro do Consello das Mareas.

Con este debate, que califican como “complexo” pretenden que “a nosa resposta sexa traballada pacientemente e de xeito colectivo”. Neste senso, ambas formacións fan fincapé na “necesidade de escoitar” a todas as partes, e as distintas perspectivas diante da maternidade subrogada e os ventres de alugueiro, “de maneira que se garantan os dereitos das persoas e non se mercantilice a maternidade”.

O debate terá continuidade en outras localidades galegas, pois En Marea celebrará encontros na mesma liña ata finais de mes en Ferrol, Vigo, Lugo, A Coruña, e Boiro, para remataren cunha xornada de posta en común e conclusións no Matadoiro de Compostela o vindeiro 10 de xuño.