Håkan Casares Berg: “A Fundación continúa co labor de Carlos Casares”

A Fundación Carlos Casares nacía no 2002 en Vigo por iniciativa da familia e amigos do escritor co obxectivo de “constituírse nunha instancia para a reflexión sobre a sociedade e a cultura galegas”.

/ Enviado por redactor o Mér, 17/05/2017 - 13:28

A viúva de Carlos Casares, Kristina Berg,  foi a primeira presidenta da Fundación. Tralo seu pasamento, en 2012, Francisco Xavier Casares Mouriño toma o relevo da presidencia con Håkan Casares Berg a cargo da administración.

- A RAG decidía dedicar o Día das Letras Galegas deste 2017 a Carlos Casares. Que supuxo este nomeamento para a súa Fundación?

- Foi un momento de gran alegría. Era algo para o que se estaba preparando porque diversos colectivos demandaban a homenaxe a Carlos Casares polo Día das Letras Galegas e, polo tanto, agardabamos que acabase chegando; pero aínda así tomábanos por sorpresa absortos no traballo de recompilación e organización do arquivo e na promoción da súa obra. Con todo, atopámonos moi contentos, preparados e concienciados da importancia deste recoñecemento.

- Entón, a actividade coa que a Fundación desenvolve os seus obxectivos permitiulles estar preparados para este ano?

- Os obxectivos da Fundación, ao longo destes quince anos dende o seu nacemento tralo falecemento do meu pai, son de tipo transversal. Non só trata de preservar o seu legado e realizar estudos, senón que tamén pretende dar unha continuidade ao seu labor: traballar a prol do tecido cultural galego, internacionalizar a nosa cultura e servir de ponte de diálogo intercultural. Así, ademais da promoción da súa obra e a organización dun simposio sobre o autor; temos clasificado o material e poñendo á man dos investigadores aquel que resulte útil para a elaboración de biografías.

- De que xeito mudou o traballo da Fundación neste 2017? 

- Coa dedicación das Letras Galegas neste ano  a Carlos Casares, a súa Fundación converteuse no centro de referencia das celebracións deste ano. Nese sentido, reforzamos a súa estrutura para chegar a colaborar con todas as persoas e institucións que así o solicitan. Coordinamos as actividades en torno a Carlos Casares nos centros educativos, colaboramos coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coa pre-produción dun documental sobre a súa figura. Igualmente participamos na organización da mostra ‘Os mundos de Carlos Casares’ que dende a súa inauguración en Ourense se achegará a outros puntos de Galicia e traballamos tamén co Instituto Cervantes na organización dunha homenaxe en Madrid e co Concello de Xinzo de Limia para o establecemento na localidade dun museo permanente sobre Carlos Casares.

- Que recolle a mostra ‘Os mundos de Carlos Casares’?

- A mostra é un periplo pola súa vida que recolle en maletas, en alegoría da viaxe, obxectos, libros, documentos e pezas audiovisuais sobre a súa vida e obra que pode servir como estímulo para o achegamento da xente moza á cultura galega.

- Como xorde o documental sobre Carlos Casares?

- Lara Bacelo, a Agrupación Cinematográfica de Vigo, Madre Films e outros profesionais traballan xa no guión, localización e procura de financiamento privado para a rodaxe dun documental que procurará o recoñemento internacional.

- Aproveitando a dedicación das Letras Galegas 2017, que contribución cre que ten realizado seu pai á sociedade e cultura galegas? 

- Tal e como recollen outros persoeiros, Carlos Casares foi un pioneiro na modernización da literatura e na achega de novas formas en tempos difíciles; así coma na literatura infantil en galego. En conxunto a súa obra acabará sendo das máis importantes entre os autores máis destacados da literatura galega. Pero tamén se lembrará o seu traballo como editor na editorial máis importante de Galicia, o seu labor nas institucións tecendo pontes entre ideas e posicións ben diferenciadas e como embaixador da cultura galega por todo o planeta.