Henrique Monteagudo: “Carlos Casares é unha figura exemplar na nación”

Henrique Monteagudo é profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, investigador do Instituto da Lingua Galega e ci-director da revista Grial. É membro numerario e actualmente secretario da Real Academia Galega.

/ Enviado por redactor o Mér, 17/05/2017 - 13:18

Autor de Estudios de sociolingüística galega (Editorial Galaxia, 1995), Historia Social da Lingua Galega (1999) ou As razóns do galego (2009), entre outras publicacións; acaba de publicar Carlos Casares. Un contador de historias (Editorial Galaxia). 

- Como escritor de relatos, poderíase considerar a Carlos Casares “un contador de historias”. Pero, por qué lle da vostede ese título á súa biografía?

- Esa definición foi a que el deu de si mesmo nunha entrevista: “Cando me preguntan o que son, respondo: un contador de historias”. Coido que resalta moi ben a faceta máis importante do personaxe, que é a súa condición de narrador.

- Con que obxectivo e baixo que criterios escribía este libro?

- É unha obra divulgativa para dar a coñecer ao gran público unha síntese dos distintos aspectos dunha traxectoria polifacética, moi rica e moi intensa. O obxectivo principal, con todo, é animar a ler a súa obra literaria, ou, no caso de que se coñeza, a animar a relela cunha mirada máis profunda. Procurei ser documentado e obxectivo, fuxindo dun ton encomiástico, pois seu moi ben que ao autor non lle gustaría ser o protagonista dunha haxiografía.

- Como definiría vostede o estilo narrativo e ensaístico de Carlos Casares?

- É un estilo enfocado cara á comunicación co público: limpo, claro, cursivo. Casares buscaba achegar a lingua galega e a súa obra a un público o máis amplo posible, por iso fuxía do preciosismo e do rebuscamento. 

-  E que temas podemos atopar na súa obra literaria?

- A intolerancia e o dogmatismo como fontes de opresión e violencia, a denuncia do totalitarismo, a responsabilidade dos intelectuais, o amor imposible...  

- Hai algunha obra súa que, para vostede, destaque por algún motivo?

- Deus sentado nun sillón azul, novela publicada en 1996, paréceme unha obra mestra, unha das maiores creacións literarias en galego de todo o século XX.

Galaxia, Grial, Consello da Cultura Galega e Fundación Carlos Casares

- Como definiría o labor de Galaxia a prol da cultura, da lingua e da literatura galegas?

- Galaxia é a empresa cultural máis importante da segunda metade do século XX en Galicia, ata hoxe. O seu labor foi crucial para a supervivencia da cultura galega baixo o franquismo e mais para a súa adaptación aos grandes cambios dos finais do século XX e comezos do XXI.

- Pero, cal é o modelo da revista Grial da actualidade? 

- Grial é a publicación en galego máis antiga e máis duradeira de toda a historia de Galicia. Naceu con vocación de normalizar e universalizar a cultura galega, e nós simplemente tentamos adaptada aos novos tempos, seguindo o exemplo do propio Carlos Casares, que se esforzou por ampliar os campos de interese tradicionais (filoloxía, historia, filosofía, artes) cara ás ciencias sociais e naturais e os grandes debates do pensamento actual: a economía, o medio ambiente, as novas tecnoloxías...

- Que valor na defensa da cultura e da lingua galega lle merece o Día das Letras Galegas? 

- É unha festividade moi especial, propiamente galega, que permite dar visibilidade a figuras e a obras que definiron ao longo do tempo o discurso das nosas letras, da nosa lingua e da nosa cultura nacional. 

- Considera a Carlos Casares merecente desta homenaxe?

- Como escritor, editor, xestor cultural, responsable institucional e figura pública, Carlos Casares fixo unha contribución importantísima á literatura, á lingua, á cultura e ao autogoberno de Galicia. Prestou así un servizo destacadísimo ao país e sen dúbida é unha figura exemplar da nación galega.