Inaugurada na sala de exposicións da Deputación a mostra fotográfica de Xosé Reigosa sobre o Psiquiátrico de Castro

A exposición “Entre Marbella e Torremolinos” recolle as fotografías feitas no hospital psiquiátrico de Castro no que “Marbella” fai alusión ao pavillón-solaina das mulleres e “Torremolinos” ao pavillón-solaina dos homes

/ Enviado por redactor o Xov, 29/12/2011 - 13:15

A sala de exposicións da Deputación de Lugo acolle desde onte a mostra fotográfica de Xosé Reigosa “Entre Marbella e Torremolinos”, que recolle as fotografías feitas no hospital psiquiátrico de Castro no que “Marbella” fai alusión ao pavillón-solaina das mulleres e “Torremolinos” ao pavillón-solaina dos homes. Esta mostra foi inaugurada hoxe polo vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, a comisaria da exposición e xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago e o autor das fotografías, Xosé Reigosa, e poderá ser visitada até o vindeiro 29 de febreiro. Tamén se achegou á inauguración desta exposición o deputado provincial e ex alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño.

A mostra coincide co peche definitivo do Hospital Psiquiátrico San Rafael de Castro Ribeiras de Lea, en Castro de Rei (Lugo) inaugurado en 1953 e construído seguindo o modelo do labirinto panóptico (a cadea perfecta), sendo o único edificio deseñado e construído en Galicia coa finalidade de atender a doentes con enfermidades psiquiátricas. “Marbella” fai alusión ao pavillón-solaina das mulleres e “Torremolinos” ao pavillón-solaina dos homes.

Na súa intervención, Antonio Veiga afirmou que “esta mostra permítenos reflexionar sobre moitas partes da nosa vida e da nosa historia que algúns se empeñan en ocultar e recluír da memoria, como nun principio estaban pensados estes centros de internamento psiquiátrico, manicomios, para recluír ás persoas”. Veiga tamén lembrou a “unha persoa que pasou máis de 40 anos entre esas paredes de Castro, como foi un veciño noso (en alusión tamén ao proceder mariñán de Xosé Reigosa), Antón Moreda, quen historicamente participou na fundación das Mocidades Galeguistas”.

Xunto coa mostra fotográfica proxéctase un documental de 30 minutos de duración, vídeo que se vai poder visualizar tamén en todos os museos dependentes da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, sempre ás 17:00 horas e até a clausura da exposición. Baixo o título “Entre Marbella e Torremolinos: Imaxes de Manicomio” Xosé Reigosa mostra ao detalle a simboloxía da desesperación, do esquecemento e do afastamento. Entre a salas de descanso, denominadas aceda e cinicamente “Marbella” a das mulleres e “Torremolinos” a dos homes, os internos pasean perdidos no labirinto da mente humana e perdidos no labirinto do panóptico de Castro. Como Teseo, viaxan polos corredores e as estancias franqueados polas interminables pasaxes bosquexadas  nas paredes, mostra da desesperanza. As fiestras poderían ser os ollos ao exterior, se non fose que o lousado do edificio tapa o ceo; pecha paxaros e pantasmas, deixándoos sen saída. A viaxe continúa entre apousentos húmidos e minúsculos nos que, dalgún xeito, se tenta ao descanso entre os restos da vida anterior fóra do labirinto/panóptico. Na sala de xogos un mural escenifica unha praia sen atinar no obxectivo do desafogo. É máis, afianza o desalento mostrado por un boneco vestido de lá, que vencido e sentado repousa no alféizar coa cabeza agachada de costas a luz. Nesta odisea, os internos van na procura da corda de Ariadna, que lles indique o camiño á liberdade, saír de si mesmos e do panóptico; desfacer o camiño andado no maldito labirinto. Deixar o medo pechado para sempre, deixalo portas a dentro dos muros do panóptico e guindar a chave ao Lea.

Do mesmo xeito, no tempo de apertura ao público desta exposición vaise desenvolver un amplo programa de actividades complementarias con conferencias, mesas redondas, obradoiros e visitas guiadas cos que se pretende concienciar ás persoas interesadas sobre a historia e o “estigma” destes enfermos, tantas veces illados e de costas á sociedade.

Este xoves, a partir das 20:00 horas, na mesma Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos vaise desenvolver o nº 28 da revista oral O pazo das musas, número na que vai intervir tamén o fotógrafo Xosé Reigosa para amosarnos fotografías do manicomio de Castro non incluídas nesta exposición.