Música de Vilalba nas prazas de Vilalba

Vázquez, Pita e Chao durante a presentación do I Ciclo de Música na Praza.

O I Ciclo de Música na Praza celebrarase en Vilalba entre o 2 de xuño e o 18 de agosto levando a música a cinco prazas da localidade.

/ Enviado por redactor o Ven, 19/05/2017 - 19:09

Tres meses de música de Vilalba en Vilalba. Entre o venres 2 de xuño e o 18 de agosto a música tomará cinco prazas da capital chairega co I Ciclo de Música na Praza.

Un repertorio variado integrado por recoñecidas pezas será interpretado cada venres a partir das oito e media do serán por profesionais da música e músico con recoñecementos internacionais en cada unha das cinco prazas da localidade: Santa María, Constitución, Suso Gayoso, Coronel Pena -ou praza dos Ovos- e a de San Xoán.

Esta proposta da concellería de Cultura conta coa colaboración da Banda de Vilalba e do Conservatorio de Música de Vilalba co obxectivo de "achegar a música ao público sacándoa ao exterior das catro paredes do auditorio".

Trátase dunha iniciativa "innovadora para o pobo", segundo o director do Conservatorio de Vilalba, Aurelio Chao, que o define coma un "proxecto espectacular e con futuro". De feito, "tódolos participantes desta primeira edición son alumnos, alumnas, profesores ou profesoras do Conservatorio e integrantes da Banda de Vilalba. Vilalba conta con tradición musical e debe amosarse orgullosa de que a banda sexa realmente a Banda de Vilalba integrada por músicos de Vilalba".

O concelleiro de Cultura, José Antonio Pita, recorda que "os emprazamentos das formacións musicais en cada praza foron escollidas polos profesionais"; xa que se trata de actuacións en acústico. Ademais, apunta que "en caso de condicións meteorolóxicas adversas, as actuacións celebraranse no Centro Cultural e Recreativo con entrada libre e gratuíta".

Desenvolvemento das habilidades musicais

Seguindo a proposta da actuación de Tuba e Dálle no Festival das Letras Galegas, serán os propios músicos os que introduzcan as pezas que interpretarán. Deste xeito, "os músicos desenvolverán as súas habilidades ante o público". É por iso polo que non se distribuirán programas de man coa programación.

Así mesmo, a presidenta da asociación Banda de Música de Vilalba, Alejandra Vázquez, considera que "esta proposta servirá para visibilizar o traballo dos músicos e da Banda de Vilalba". Igualmente, avanza que o 28 de xullo tamén se achegará a Vilalba a Banda de Cedeira coa que participarán nunhas xornadas de convivencia entre as dúas localidades".

Programación

2 de xuño: Pizzicato Trío (guitarras) - Praza de Santa María

9 de xuño: Dúo Pravarel (percusión e trompa) - Praza de San Juan

16 de xuño: Cuarteto Divertimetno (clarinetes) - Praza da Constitución

30 de xuño: Tango en Xan3iro (gaita-acordeón-clarinete) - Praza Coronel Pena

7 de xullo: Cuarteto Skirion (saxofóns) - Praza de Santa María

14 de xullo: Cuarteto en A (acordeóns) - Praza da Constitución

21 de xullo: Cuarteto Castelao (cordas) - Praza de San Juan

28 de xullo: Banda de Música de Vilalba - Praza da Constitución

4 de agosto: AproyecT (trío clarinete-flauta-percusión) - Praza de Suso Gayoso

11 de agosto: Tuba e Dálle (cuarteto de vento) - Praza Coronel Pena

18 de agosto: A Vabagán (dúo acordeón - gaita) - Praza de Suso Gayoso.