Medio Rural impulsa os traballos de reestruturación parcelaria en Triabá e Viladonga

Francisco Balado e Ángeles Vázquez durante a súa reunión na consellería.

Só o pasado ano a Xunta investiu máis de 185.000 euros nestes traballos.

/ Enviado por redactor o Lun, 19/06/2017 - 13:28

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu este luns en San Caetano ao alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado. Neste encontro ambos avaliaron os avances rexistrados nos procesos de reestruturación parcelaria neste concello chairego.

En concreto, a xuntanza centrouse nas parcelarias de Triabá e Viladonga, nas que se está a traballar por parte da consellería. A primeira delas atópase en fase de bases definitivas que recollan as delimitacións de zonas a concentrar e a de Viladonga, que foi solicitada en 2005 por 76 veciños, conta xa co contrato para a determinación de impacto ambiental e o deslinde do perímetro, actualmente en execución. ao longo deste ano está previsto contratar o estudo previo de iniciación.

O rexedor local, Francisco Balado, valora positivamente o avance nos procedementos de concentración parcelaria; sobre todo, "nas zonas onde estaba iniciaba fai anos" de cara ao "aumento da base territorial das explotacións que no caso de Triabá beneficia a arredor de 60 explotacións con preto de 1.800 cabezas de gando".

Ademais destes dous procesos, no municipio de Castro de Rei Medio Rural traballa nas parcelarias de Ramil e San Xiao de Mos, ambas en fase de acordo, e xa están rematadas as de Pacios, Santa Leocadia, Prevesos, Outeiro, Bazar, Quintela, Ansemar e Balmonte-Goberno.

Só no ano 2016 o departamento que dirixe Ángeles Vázquez investiu nos procesos en marcha neste termo municipal un total de 185.163,78 euros, que se destinaron á mellora de camiños e á realización de diferentes servizos técnicos relacionados con traballos topográficos e xestión ambiental das zonas de reestruturación parcelaria. Estes fondos súmanse aos 143.502 euros achegados a este concello na mesma anualidade, correspondentes aos plans marco de camiños e plan de emerxencias. Para este ano 2017 o orzamento correspondente a Castro de Rei no plan marco de camiños é de 76.439,33 euros.