Medio Rural reforzará a vixilancia da orixe e venda de patacas nos concellos afectados pola couza guatemalteca

Entre as medidas a adoptar está que os comerciantes ou puntos de venda de semente deberán solicitarlle aos compradores de pataca de semente unha serie de datos (nome e enderezo, cantidade adquirida e data de adquisición) co fin de poñelos á disposición dos servizos oficiais de sanidade vexetal.

/ Enviado por redactor o Mar, 14/02/2017 - 15:24

A Consellería do Medio Rural ven de ampliar as medidas urxentes para a erradicación e control da praga Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca) a través duna nova resolución que publica o Diario Oficial de Galicia. O máis destacado é que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez reforzará a vixilancia, tanto na orixe como na venda de patacas, nos 31 concellos afectados por este insecto.

Así, entre as medidas a adoptar está que os comerciantes ou puntos de venda de semente deberán solicitarlle aos compradores de pataca de semente unha serie de datos (nome e enderezo, cantidade adquirida e data de adquisición) co fin de poñelos á disposición dos servizos oficiais de sanidade vexetal. Así mesmo, todo produtor de pataca -tanto profesional como de autoconsumo- localizado nas áreas demarcadas deberá comunicar a superficie plantada na presente campaña. Desta forma preténdese ter localizadas todas as plantacións de patacas nas áreas demarcadas e evitar o movemento deste tubérculo a outras zonas limpas.

Cómpre tamén destacar que, pola súa banda, os Concellos deberán reforzar a vixilancia da procedencia de patacas que se venden nos mercados locais, constatando a orixe da pataca comercializada e adoptando as medidas para impedir, se é o caso, a circulación. En todo caso, e á espera do decreto definitivo do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que establecerá as prohibicións con respecto ás patacas e áreas afectadas, a Xunta aconsella non realizar a plantación de cultivo deste tubérculo nas zonas demarcadas.