Muras volve apoiar aos oficios artesáns e ao desenvolvemento rural

O Concello contribúe na celebración da segunda Romaxe Artesá da Chaira coa que colabora a asociación Obradoiros Artesáns da Terra Chá e que se celebrará o sábado 27 de maio na Área Recreativa da Veiga con demostracións en vivo, obradoiros, charlas, xogos tradicionais e animación musical.

/ Enviado por redactor o Xov, 18/05/2017 - 19:27

Aos oficios tradicionais, a través da demostración en vivo dos propios artesáns, poderanse achegar todas aquelas persoas que visiten a localidade de Muras o sábado 27 de maio; xa que a Área Recreativa da Veiga acollerá a segunda Romaxe Artesá da Chaira coa que colabora a asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá e que inclúe charlas sobre desenvolvemento rural e obradoiros para toda a familia.

Ata unha ducia de artesáns amosarán nesta romaxe os seus oficios: Pepe Penabade, o de afiador; José Ramón Lleó, o do coiro; Friedric Bransteidl, o de ferreiro; Alberto Geada, o de zoqueiro; Lourdes Otero, o do tear; Borja Ínsua o da escultura en madeira; Xabier Quijada, o traballo da cantería; Pilar Cupeiro, o das artes plásticas e iluminación creativa; Marcos Ladra, o da talla de madeira; Montserrat Tubío, o de tecido tradicional de punto; e dende os obradoiros Armaior e Fígulus, os de torneado de madeira e pezas de oliveira e olería de Gundivós, respectivamente.

Outros artesáns, algúns deles da Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá, ofrecerán obradoiros ao longo da xornada. Pola mañá, dende as once e media ata a unha e media, Iria Pigueiras, de IMAVI Complementos, e Xaneco Tubío, dirixirán os obradoiros de confección e decoración de complemtnso e de confección de instrumentos musicais, respectivamente. Pola tarde, dende as catro e media ás sete e media, Idoia Cuesta ofrece un obradoiro para adultos de cestería contemporánea; mentres que o obradoiro infantil de confección de xoguetes chegará da man de Miudiño e o de creación de complementos de coiro, para toda a familia, de José Ramón Lleó.

As charlas sobre desenvolvemento rural chegarán da man de Carabuñas para abordar o “uso e aproveitamento do sabugueiro” ás doce e media da mañá e de Milhulloa e Muuhlloa que aportarán a partir das seis da tarde os coñecementos sobre a  “evolución das prantas medicinais”.

E á beleza do entorno natural do municipio engádese nesta data a oferta lúdica que se completa con xogos tradicionais e música. De feito, a partir das cinco da tarde a Asociación de Xogos Tradicionais Compostela achegará os xogos da billarda, bolos celtas, petanca, a chave, os aros ou a corda, entre outras argalladas para pequenos e maiores. 

Pola súa banda, a música correrá a cargo de Cé Orquestra Pantasma que ofrecerá un pasarrúas pola mañá e Axóuxere que porá ritmo ao mediodía. A partir das sete da tarde o grupo Caxade ofrecerá un concerto para deixar paso a Radio Cos a partir das nove menos cuarto do serán.