O Concello de Guitiriz abre a inscrición para os cursos de natación na piscina municipal

Os cursos desenvolveranse de luns a xoves entre as doce da mañá e as dúas da tarde. Polas tardes, a piscina municipal permanecerá aberta ao público dende o 26 de xuño ao 10 de setembro.

/ Enviado por redactor o Sáb, 17/06/2017 - 16:01

A piscina municipal de Guitiriz abre o luns 26 de xuño a partir das tres da tarde. E durante a última semana deste mes manterá un horario de apertura de tres a oito da tarde.

Posteriormente, co inicio dos cursos de natación de luns a xoves entre as doce da mañá e as dúas da tarde permanecerá pechado ao público para o correcto desenvolvemento das clases. Despois, entre as dúas da tarde e as nove do serán permanecerá aberta ao público en xeral. E os venres, sábados, domingos e festivos abrirá unha hora antes, á unha do mediodía.

Xa no mes de setembro, entre o 1 e o domingo 10, manterá un horario de dúas da tarde a oito do serán.

Cursos de natación

O Concello de Guitiriz impulsa cursos de natación nos meses de xullo e agosto na piscina municipal dirixidos tanto a adultos coma a menores. Os horarios serán de luns a xoves de 12.00 a 12.40, de 12.40 a 13.20 e de 13.20 a 14.00 horas. Cada grupo terá dúas sesións semanais de clase.

O prezo de inscrición é de 10 euros ao mes para as persoas empadroadas en Guitiriz e de 15 para as non empadroadas. Os interesados e interesadas poden inscribirse na Casa do Concello ata o mércores 28 de xuño. As prazas son limitadas a 50 por rigorosa orde de inscrición.

O venres 30 de xuño ás catro da tarde celebrarase na piscina municipal unha reunión para distribuír os distintos grupos.