O Concello prepara campamentos de verán en Castro e Castro de Rei

As actividades desenvolveranse no mes de xullo: a primeira quincena en Castro e a segunda, en Castro de Rei.

/ Enviado por redactor o Lun, 19/06/2017 - 12:45

O Concello de Castro de Rei abre a inscrición para os campamentos de verán que se desenvolverán entre o luns 3 e o luns 31 de xullo coa participación de rapaces e rapazas de entre 3 e 16 anos.

O horario das diversas actividades será de dez da mañá a dúas do mediodía entre as que se atopa, como novidade, a impartición dunha hora diaria en inglés. "A petición dos pais e nais, ofrecerase o servizo Magrugadores para recoller aos nenos e nenas arredor das nove da mañá facilitando aos pais e nais a conciliación da vida laboral e familiar", segundo explica a concelleira de servizos sociais e benestar María José López.

Como vén sendo habitual a primeira quincena desenvolverase en Castro e a segunda, en Castro de Rei.

O prezo da inscrición é de 50 euros polo primeiro irmán, 30 polo segundo e 15 polo terceiro. Con todo, o Concello facilita a participación dos rapaces e rapazas a través doutros descontos que se poden solicitar contactando cos servizos sociais municipais.

Piscina municipal

Igualmente coa chegada do verán, o Concello prevé abrir a piscina municipal a comezos de xullo ata finais de agosto "ou incluso algúns días de setembro en función do tempo que nos acompañe".

O horario de apertura e o prezo de entrada manterase coma nos anos anteriores.