O goberno da Deputación inicia a contratación de obras de mellora en estradas chairegas con 560.000 euros

Álvaro Santos durante a rolda de prensa posterior á xunta de goberno.

Ademais, na xunta de goberno aprobaron tamén a contratación de autónomos e pequenas empresas para a roza en 16 concellos da provincia entre os que se atopan os de Castro de Rei, Pol, Meira, A Pastoriza e Riotorto. A estas zonas destina máis de 60.000 euros.

/ Enviado por redactor o Ven, 16/06/2017 - 15:36

O voceiro do Executivo da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres sobre a aprobación na Xunta de Goberno do inicio da contratación de melloras por valor de máis de 1,5 millóns de euros en 20 quilómetros de catro estradas provinciais, que discorren polos Concellos de Cervantes, Friol, Baralla, Becerreá, Castro de Rei e Pol. 

Por unha banda, o Goberno da Deputación achega 200.000 euros para a mellora de 2,5 quilómetros: dende o 9,300 ao 11,780 na LU-P-2101 de Friol a Parga. Con estas actuacións, o Executivo Provincial rematará o arranxo integral desta vía, na que leva investido máis de 1 millón de euros. Trátase da vía que une Friol e Guitiriz, un dos principais accesos da zona á A-6, así como a principal vía de comunicación a 10 parroquias.

E na LU-P-1611, de Castro de Rei a Pol, o Goberno da Deputación inviste 360.000 euros para o arranxo de 4,5 quilómetros, que discorren polos Concellos de Castro de Rei e Pol. Concretamente, dende o punto quilométrico 99,5 ao 104.

Tamén se achegan 800.000 euros para o acondicionamento de 10 quilómetros da LU-P-0702, de Becerreá a Navia por San Román de Cervantes no municipio de Cervantes. E outros 205.000 euros para a mellora de 2,5 quilómetros da vía LU-P-0508 dende a LU-170 a Castrolanzán no municipio de Baralla e un treito máis curto en Becerreá. 

Outros 200.000 euros na roza de vías de 16 Concellos

A Xunta de Goberno aprobou con máis de 200.000 euros a contratación de sete autónomos e pequenas empresas da provincia para a realización dos traballos de roza en estradas provinciais de 16 Concellos. 

O presuposto e os municipios distribúense do seguinte xeito: son 36.400 euros para a rozas de estradas provinciais na Pontenova, Riotorto e A Pastoriza; 27.300 euros para as de Castro de Rei, Pol e Meira; 29.000 euros para as de Ribeira de Piquín e A Fonsagrada; 26.000 para as de Negueira de Muñiz e Navia de Suarna; 23.700 euros para as de Becerreá e As Nogais; 30.700 para as de Cervantes e Pedrafita do Cebreiro; e 29.100 para as de Chantada e Carballedo. 

Santos Ramos explicou que “en total, coas contratacións que aprobamos hoxe e coas da semana pasada, levamos investido preto de 360.000 euros na roza de vías provinciais de 31 municipios da provincia. O conxunto destes traballos foron adxudicados a 12 autónomos e pequenas empresas. Nas vindeiras semanas, adxudicaremos os traballos de roza nas estradas provincias dos restantes 36 Concellos da provincia con outros 440.000 euros, pois en total achegamos 800.000 euros a esta programación nas vías dos 67 municipios”.  

13 novos empregos en 8 Concellos

O Goberno da Deputación tamén aprobou a resolución de 13 desempregados lucenses que comezarán a traballar a vindeira semana en empresas e colectivos sen ánimo de lucro da provincia, a través do Ben Empregado3, máis social.  Trátanse de 1 oficial de perruquería para traballar en Lugo; 1 albanel en Becerreá; 1 camareiro en Paradela, 2 na Fonsagrada e 1 no Corgo; 1 axudante de cociña na Fonsagrada; 1 oficial de primeira en Pol; 1 enxeñeiro para oficinas técnicas en Lugo; 1 recepcionista en Becerreá; 1 community manager en Vilalba; 1 auxiliar de produción de viveiros en Abadín e 1 técnico superior en marketing e publicidade en Lugo.