O SLG presenta queixa ante a Valedora pola negativa de Industria a declarar a caducidade das concesións mineiras a Erimsa

Xosé Pérez e Margarita Prieto.

A coordinadora do SLG Terra Chá, Margarita Prieto, e o avogado do sindicato, Xosé Pérez, rexistraron a queixa ante a Valedora do Pobo.

/ Enviado por redactor o Mér, 15/02/2017 - 15:57

A equipa xurídica do Sindicato Labrego Galego vén de redactar e rexistrar unha queixa formal diante da Valedora do Pobo pola falla de resposta da Consellaría de Industria diante da petición expresa de declarar as caducidades das concesións mineiras Pastoriza 5562, Alicia 5917 e Karles 5919. O SLG ten rexistrado oficialmente esta petición á Consellaría de Industria seis veces dende 2013 sen obter contestación. A pesares de que, o 15 de decembro de 2016, o SLG lle solicitou formalmente á Dirección Xeral de Minas unha xuntanza para falar desta cuestión, a día de hoxe seguimos tamén sen resposta a esta demanda. Esgotada a vía administrativa, dende o Sindicato Labrego Galego decidimos recorrer á Valedora do Pobo.

Das seis peticións feitas, a primeira foi realizada o 28 de febreiro de 2013 e a última o pasado 5 de abril. Pasados catro anos de peticións, Industria segue sen contestar, polo que ignoramos se iniciou o procedemento para declarar estas caducidades ou non. A finais do ano pasado, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalaba xuridicamente as peticións de caducidade do SLG ao ditar sentenza contra un contencioso presentado por Erimsa diante da desestimación, por silenzo administrativo, da licenza para explotar Alicia 5917.

Para o SLG, e trala sentenza do TSXG, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas debe declarar a caducidade das concesións mineiras a Erimsa na Terra Chá de maneira inmediata e non seguir adiando unha decisión da que depende o futuro social e económico dunha das comarcas agrogandeiras máis ricas e importantes de Galiza ao estar afectadas 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto.