Recibidas máis de 4.500 solicitudes para optar aos postos de traballo do “Ben Empregado 3, máis social”

Son as peticións realizadas por lucenses no paro, interesados nos 193 perfís laborais que o organismo provincial oferta en 178 empresas e colectivos de toda a provincia.

/ Enviado por redactor o Lun, 13/02/2017 - 14:44

O Goberno da Deputación recibiu máis de 4.500 solicitudes para optar aos postos de traballo do “Ben Empregado 3, máis social”. Trátanse das peticións realizadas por lucenses desempregados, interesados nos 193 perfís laborais que o organismo provincial oferta en 178 empresas de toda a provincia.

O “Ben Empregado 3, máis social” está dotado de 2,3 millóns de euros cos que o Goberno da Deputación asume os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lucenses durante un ano en empresas e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia.

Finalizado o prazo de inscrición no Rexistro da Deputación e contabilizadas as solicitudes entregadas nos Rexistros doutras administracións e as enviadas por correo postal, técnicos provinciais están a valorar as solicitudes. Durante o mes de marzo publicaranse en www.deputacionlugo.gal as listas de admitidos e excluídos e abrirase un prazo de tres días para solucionar posibles requirimentos. Transcorridos quince días, arrancará o proceso de selección dos solicitantes. A previsión é que os 193 traballadores inicien a súa nova andaina laboral antes de xuño.

Máis Social

O Executivo da Deputación decidiu incluír melloras no Ben Empregado 3 para facelo máis social. Por exemplo, ás empresas ofreceulles unha primeira liña coa que financiarlles ao 100% os custos laborais pola contratación de novos traballadores no caso de seren desempregados lucenses con capacidades diferentes ou de colectivos vulnerables. (Persoas con problemas físicos ou psíquicos, mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos, ex-drogodependentes ou persoas de etnia xitana.) A segunda liña que lles propuxo consiste no financiamento do 50% dos custos laborais pola contratación de desempregados lucenses en xeral.

Son 36 as empresas que optaron pola primeira liña e que polo tanto recibirán cada unha un máximo de 22.000 euros da Deputación para a contratación de 39 lucenses no paro con capacidades diferentes ou de colectivos máis vulnerables. 116 decantáronse pola segunda liña e recibirán o 50% da axuda económica da Deputación para a contratación de 126 desempregados lucenses. Aos colectivos sen ánimo de lucro, o Executivo da Deputación decidiu ofrecerlles tamén o 100% da axuda económica (un máximo de 22.000 euros) cos que asumir todos os custos laborais dos novos traballadores co obxectivo de contribuír a súa actividade socias. Son 26 asociacións da provincia as que poderán contratar 28 lucenses no paro.

Servizo de Intermediación Laboral e financiación de equipamento

O Ben Empregado 3 ten dúas importantes novidades. A posta en marcha, dende a Deputación, dun Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse nas empresas e entidades nas que sexan contratados. A outra é que o organismo provincial sufragará o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes leven a cabo o seu traballo. Por exemplo, unha máquina con determinadas características ou unha rampla de acceso as instalacións laborais.

Obrigas e máis control

As empresas e entidades beneficiadas terán a obrigación de cumprir coas cláusulas sociais. De non facelo, perderán a subvención. A Deputación establece máis medidas de control. Por exemplo, os 10 primeiros días de cada mes terán que notificar ao organismo provincial, con documentación oficial, o ingreso das nóminas aos traballadores.